A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa alcaldesa, supervisou hoxe o resultado dos traballos do novo itinerario entre Pardavila e Cadro

Ethel Vázquez subliña o investimento da Xunta de 1,4 M€ para dotar os veciños de Marín dunha senda peonil continua de case 3 quilómetros entre Coirados e Cadro

A nova senda, cun investimento de preto de 650.000 €, continúa a xa executada na mesma estrada PO-313, entre a saída da travesía de Marín e Pardavila


O itinerario consta de algo máis de 800 metros, pola marxe esquerda, para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños de xeito máis seguro, sostible e saudable


A intervención completouse coa mellora da seguridade nunha intersección neste treito, co traslado dunha parada de autobús e a instalación dunha nova marquesiña
 

Marín (Pontevedra), 1 de febreiro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, puxo en valor o investimento da Xunta de case 1,4 M€ para dotar os veciños de Marín dunha senda peonil continua de case 3 quilómetros entre Coirados e Cadro.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, supervisou hoxe o resultado dos traballos de construción do novo itinerario que comeza en Pardavila e vai ata a intersección coa estrada provincial que leva ao lago Castiñeiras, en Cadro.

 

Explicou que esta senda, cuxas obras comezaron na pasada primavera e xa están rematadas logo dun investimento autonómico de preto de 650.000 €, continúa a xa executada na mesma estrada, na PO-313, entre a saída da travesía de Marín e Pardavila, á que a Xunta destinou 715.000 €.

 

O novo itinerario consta de algo máis de 800 metros de lonxitude e executouse pola marxe esquerda da estrada coa finalidade de favorecer os desprazamentos a pé dos veciños de xeito máis seguro e fomentar unha mobilidade máis sostible e saudable.

 

A senda executouse en formigón de cor terriza, para unha maior integración na contorna, e con bordo exterior que o diferenza da plataforma da estrada, para reforzar a seguridade dos peóns.

 

Na súa execución foi preciso adaptarse ao espazo dispoñible entre a estrada e as edificacións, polo que o novo itinerario ten un ancho variable, aínda que se mantivo en todo caso, 1,8 metros garantindo unha correcta accesibilidade en toda a súa lonxitude.

 

A intervención completouse con outros traballos de mellora da seguridade viaria nunha intersección existente neste treito, co traslado dunha parada de autobús e a instalación dunha nova marquesiña noutro punto, na marxe esquerda da vía.

 

Vázquez Mourelle lembrou que tamén se aproveitou a intervención para poñer en valor o cruceiro existente e crear unha pequena praza pública. Para iso, demoleuse un pequeno galpón e trasladouse lixeiramente o cruceiro que había na marxe esquerda, xa que a súa situación impedía que entre o cruceiro e a vía houbese espazo suficiente para habilitar unha senda cun ancho accesible.

 

O resultado foi a creación pequeno espazo de lecer para veciños e usuarios desta senda, pavimentado en pedra, con bancos para o descanso e iluminación.  

 
Plan de sendas na comarca do Morrazo

Esta actuación enmárcase no Plan de sendas de Galicia para a comarca do Morrazo, co que a Xunta está a habilitar 8 itinerarios peonís seguros, sustentables e saudables, cun investimento de máis de 4,5 M€.

 

En Marín, xa está rematada a senda entre Vilaseca e Lapamán e estanse a ultimar os traballos da que unirá Bagüín e Seixo, tras proxectar unha pequena pasarela para salvar un espazo de valor histórico no municipio como é o Pozo da Revolta, prevendo rematalos a comezo da primavera.

 

A conselleira avanzou que o Goberno galego seguirá executando novas sendas e eliminando treitos de concentración de accidentes, como o acometido na PO-551 en Bueu e Marín, en liña coa Estratexia Galega de Mobilidade. Esta estratexia foi presentada onte mesmo coincidindo coa publicación da información pública e procura un modelo de mobilidade para Galicia máis eficaz, sostible, económico e seguro co apoio da innovación e das novas tecnoloxías.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2023