Augas de Galicia autoriza o vertido de augas residuais da mina de San Finx, en Lousame, supeditada ao cumprimento de 18 requisitos e á atención estrita das normas de calidade ambiental

A vixencia desta autorización é de cinco anos, prorrogables, sempre que se manteñan as características do vertido e as do medio receptor e se cumpran estritamente os requirimentos impostos

A autorización fixa o prazo de execución das obras nos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais industriais xeradas nas instalacións, que deberán estar finalizadas en catro meses e cumprir os condicionantes específicos na zona de policía

Para levar a cabo a fase de explotación mineira, necesitará de autorización explícita da Xunta e requirirá de avaliación ambiental, xa que a resolución de autorización de vertido, en ningún caso, permite a actividade mineira nese punto da explotación

A titular da explotación deberá dispor semanal ou mensualmente, segundo proceda, dos resultados das analíticas de seguimento e control do medio receptor, de obrigada realización

Todas as mostraxes e análises de control do vertido deberán realizarse por medio dunha entidade colaboradora da administración hidráulica da Xunta

Augas de Galicia resérvase a facultade de modificar os límites impostos ao vertido e a de esixir a construción e explotación das obras e instalacións necesarias para a súa adecuación ás esixencias do Plan Hidrolóxico da conca e outras disposicións legais
 

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2022.-

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de emitir a resolución de autorización de vertido ao río Pesqueiras (ou rego de Rabaceiros) de augas residuais depuradas procedentes da Mina de San Finx, situada en Vilacova, no concello de Lousame, supeditada ao cumprimento de 18 requisitos e á atención estrita das normas de calidade ambiental.

 

A entidade hidráulica da Xunta examinada toda a documentación relativa a este expediente e ao proxecto de solicitude de vertido, no que se inclúe todas as alegacións presentadas e as correspondentes respostas motivadas, remite esta resolución á responsable da explotación mineira, a empresa Tungsten San Finx, S.L., e aos interesados.

 

Na resolución adoptada, Augas de Galicia inclúe os 18 condicionantes que debe cumprir a titular da explotación para a correcta xestión das medidas de depuración de vertido, na súa obriga de cumprimento dos obxectivos de calidade do medio receptor e cos dereitos de terceiros.

 

Augas de Galicia tamén fixa o prazo de execución das obras necesarias nos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais industriais xeradas nas instalacións, que deberán estar finalizadas no prazo de catro meses, ademais de cumprir tamén cos condicionantes específicos na zona de policía.

 

Entre os condicionantes máis salientables na autorización figuran a limitación aos caudais de vertido nas fases de baleirado e na de explotación. En concreto, a fase de baleirado, actividade previa á explotación, debe realizarse en 3 etapas cunha duración de 494,38 días para o baleirado dun total de 889.885 m3. Na fase de explotación establécese o caudal tratado poderá acadar un total de 631.836 m3/ano, correspondendo 481.800 m³ a augas extraídas das galerías e 150.036 m³ a augas de escorrega da zona industrial. En calquera caso, para poder levar a cabo a fase de explotación mineira, necesitará dunha autorización explícita da Administración autonómica e, polo tanto, requirirá a necesaria avaliación ambiental. É dicir, a resolución de autorización de vertido emitida hoxe, en ningún caso, permite o desenvolvemento da actividade mineira nese punto da explotación.

 

No tratamento das augas, a autorización recolle todas as instalacións necesarias para que as augas residuais industriais depuradas procedentes da balsa de decantación final garantan o vertido ao río Pesqueira cumprindo os parámetros de calidade establecidos nas normas de calidade ambiental para as substancias prioritarias e outros contaminantes e tamén para as substancias preferentes.

 

Ademais, en canto á frecuencia mínima do control, fíxase que este será semanal na fase de baleirado, e mensual na fase de explotación, tanto para as augas residuais industriais depuradas na planta de tratamento da auga da mina, como para as augas residuais industriais depuradoras procedentes da balsa de decantación final.

 

A resolución tamén determina a obriga do titular da mina a realizar un seguimento e control do medio receptor e remitir a Augas de Galicia os resultados das análises semanalmente, na fase de baleirado das galerías, e mensualmente na fase de explotación.

 

Todas as mostraxes e análises correspondentes ao control do vertido deberán realizarse por medio dunha entidade colaboradora da administración hidráulica da Xunta. Os métodos analíticos empregados deberán permitir alcanzar os límites de detección e cuantificación necesarios para valorar as concentracións presentes con seguridade, debendo permitir comparar os resultados cos límites de vertido impostos.

 

Augas de Galicia resérvase a facultade de modificar os límites impostos ao vertido e a de esixir ao autorizado a construción e explotación das obras e instalacións necesarias para a súa adecuación ás esixencias do Plan Hidrolóxico da conca e outras disposicións legais ou regulamentarias, sen que isto dea lugar a indemnización ao autorizado.

 

O titular da explotación deberá dispor de arquetas ou dispositivos equivalentes para o control e mostraxe dos efluentes, con acceso directo para a súa inspección por parte de Augas de Galicia.

 

Tamén contará con instrumentos para o control en continuo do caudal do efluente da planta de tratamento da auga de mina, e tamén para o control do caudal do vertido da balsa de decantación final.

 

En todo caso, a resolución emitida por Augas de Galicia non exime ao titular do vertido que se autoriza da posible responsabilidade civil, penal ou administrativa polos danos que poida causar o vertido en cultivos, animais, fauna piscícola, persoas ou bens.

 

O prazo de vixencia da presente autorización fíxase en cinco anos, prorrogables, sempre que se manteñan as características do vertido e as do medio receptor e se cumpran estritamente os requirimentos impostos.

 

Durante o longo proceso de tramitación da autorización a Xunta mantivo o escrupuloso seguimento da normativa, para garantir o cumprimento dos parámetros da calidade das augas para o vertido ao río e a consecución do bo estado ecolóxico das augas, de acordo cos procedementos legais establecidos na Lei de Augas, e o seu regulamento, na Lei de Augas de Galicia e nas Normas de Calidade Ambiental.

Data de actualización: 01/02/2023