A Xunta colabora coa asociación Escena Galega nas súas actividades de promoción e formación

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2023

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse co xerente da asociación Escena Galega, Diego V. Meizoso, para abordar as próximas liñas de colaboración entre as dúas entidades que posibilitarán diversas iniciativas de formación, capacitación e acompañamento profesional, actuacións específicas de difusión e promoción e outros proxectos enfocados á xeración de oportunidades e dinamización sectorial.

 Na xuntanza co representante deste colectivo, que aglutina 58 compañías e empresas produtoras galegas nos ámbitos do teatro, os monicreques, o novo circo e a danza e artes do movemento, acordouse unha achega de 25.000 euros por parte da Xunta de Galicia a través da sinatura dun convenio de colaboración. Contribuirase deste xeito, entre outras accións, á continuidade da consultaría Acompaña, á realización de distintos cursos monográficos, ao asesoramento para a participación en eventos profesionais de venda de espectáculos, ao tratamento de ferramentas de comunicación interna e externa ou á materialización de actividades concretas, como a III Xornada de Venda e Promoción Escénica e Musical.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2023