A Xunta abre a convocatoria para que os concellos modernicen as súas infraestruturas culturais cun investimento de máis de medio millón de euros

O Diario Oficial de Galicia publica as bases deste procedemento co que se poderá mellorar a accesibilidade e innovación, con novos equipamentos e materiais


Tamén se abre o proceso para apoiar a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado


Ambas teñen de prazo ata o vindeiro 3 de marzo e forman parte dos obxectivos do Plan Xeración Cultura que acaba de poñer en marcha o Goberno galego con 34M€

 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia vén de abrir unha nova convocatoria para que os concellos galegos renoven e modernicen as súas infraestruturas culturais, para o que se destina máis de medio millón de euros. Ademais, tanto concellos como entidades sen fin de lucro tamén poden acceder ás axudas para a realización de festivais, feiras e actos culturais de carácter afeccionado, cun investimento de 50.000 euros. O Goberno autonómico avanza así nos obxectivos do Plan Xeración Cultura 2023, a folla de ruta para acompañar o gran momento do sector e mellorar o acceso dos galegos á cultura con máis e mellores infraestruturas e cunha oferta de calidade.

 

O Diario Oficial de Galicia publica as bases para sufragar sufragarán reformas, obras de ampliación ou traballos para mellorar a accesibilidade, así como a adquisición de equipamento e materiais técnicos como material escénico, iluminación e son, audiovisual, entre outros. A Xunta destina 500.000 euros a este fin. A intención é continuar coa mellora de espazos como bibliotecas, casas da cultura ou axencias de lectura municipais e facilitar o acceso da cidadanía á cultura, independentemente do lugar no que residan.  

 

Ademais, tamén se vén de abrir a convocatoria de subvencións para apoiar a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, dirixida a institucións sen fins de lucro e concellos. Como se informa no DOG, está dotada cun total de 50.000 euros e nela inclúese o financiamento dos gastos correntes derivados da realización dos programas e actividades de promoción e difusión cultural. A axuda máxima por beneficiario será de 6.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 70% do orzamento total do proxecto que se vaia realizar. Este importe de 6.000 euros ascenderá a 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais.

 

Preservación e protección do legado

Estas iniciativas forman parte do Plan Xeración Cultura 2023 aprobado pola Xunta en xaneiro que conta cun investimento de 34M€, estruturado en cinco eixos e unha batería de 57 accións, moitas delas novidosas. Estas axudas enmárcanse no cuarto dos eixos, orientado á preservación e protección do legado cultural e aposta pola modernización das infraestruturas culturais con distintas liñas de apoio.

 

Ao abeiro deste apartado crearase un Observatorio de Innovación do Patrimonio Cultural, así como unha novidosa liña de axudas destinada a particulares para a conservación de patrimonio etnolóxico. Lánzase nun contexto no que é necesario seguir co crecemento do sector e preparase para os novos retos.

 
Data de actualización: 03/02/2023