A Xunta reforza con máis de 1,6 M€ as axudas para impulsar a prevención de riscos laborais mediante actividades de formación

O Goberno galego abre mañá o prazo de solicitude para apoiar cursos e outras actividades de divulgación da cultura preventiva en asociacións empresariais, organizacións sindicais, fundacións sectoriais e colectivos de autónomos

Poden optar a apoios de ata 10.000 euros para realizar estudos sectoriais e de 1.500 para a celebración de xornadas

A Xunta outorgará maior puntuación ás entidades máis paritarias, con cadros de persoal estables e que integren a perspectiva de xénero no eido da prevención

Priorizarase, entre outros, o apoio ás accións formativas dirixidas á prevención de accidentes marítimos e á poboación traballadora de máis de 55 anos

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023 A Xunta convoca hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova edición do programa de axudas para a prevención de riscos laborais en asociacións empresariais, organizacións sindicais, fundacións sectoriais e colectivos de autónomos. A Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade investirá este ano máis de 1,6 millóns de euros (un 11% máis que en 2022) nesta actuación coa que se apoian accións de formación, sensibilización e asesoramento neste eido. As axudas poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 8 de marzo.

O programa, en concreto, está dirixido ás organizacións empresariais e sindicais galegas, sectoriais e intersectoriais, así como ás fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral e ás asociacións de autónomos.

A iniciativa contén dúas liñas de axudas: a primeira, dotada con 1 millón de euros, está destinada a financiar cursos e xornadas formativas de carácter intersectorial e a apoiar os gabinetes técnicos de prevención de riscos laborais; e o segundo programa, cun orzamento de 655.000 euros, promoverá cursos e xornadas que incidan en sectores específicos.

Na resolución da convocatoria, a Xunta outorgará maior puntuación ás entidades atendendo a criterios de paridade nos seus cadros de persoal, á estabilidade no emprego e outras medidas de carácter social como a activación de actuacións preventivas en poboación traballadora de máis de 55 anos e a inclusión da perspectiva de xénero nas mesmas. Priorízanse, ademais, as accións formativas centradas na prevención de accidentes marítimos e en actividades que implican pola súa natureza un perigo.

As entidades beneficiarias poderán optar a axudas de ata 10.000 euros para a realización de estudos e de ata 1.500 para a celebración de xornadas, entre outros. As actividades que reciban financiamento deberán celebrarse ao longo de este ano, desde xaneiro e ata o próximo 31 de outubro. En 2022, máis de 30 entidades resultaron beneficiarias destas axudas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023