O DOG publica a convocatoria da nova liña de axudas para programas de incorporación social en vivendas para drogodependentes

A Xunta incrementou a partida destinada a este programa nun 8,8%, que ascende a 550.656 euros
 

O obxectivo é apoiar ás persoas que seguen un tratamento para eliminar trastornos aditivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma no ámbito residencial
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a liña de axudas da Xunta de Galicia destinadas a programas de incorporación social en vivendas para drogodependentes, que ascende a 550.656 euros, o que supón un incremento dun 8,8% respecto da anterior convocatoria.

O obxectivo desta liña de axudas é apoiar ás persoas que seguen un tratamento para desafacerse de trastornos aditivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma no ámbito residencial

Nesta convocatoria poderán participar, en réxime de concorrencia competitiva, as entidades privadas sen ánimo de lucro que realicen programas de inclusión e emerxencia social destinados a persoas afectadas por distintos tipos de adiccións. Estas persoas deberán estar participando nun programa terapéutico de rehabilitación nas unidades de atención a drogodependencias, incluídas no circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia.

Para acadar este fin, o Goberno galego incrementou nun 8,8% a partida destinada a un programa que, por primeira vez, terá carácter bianual (2023 e 2024). Con este cambio, preténdese que se resolva a convocatoria o máis cedo posible e, ademais, aminorar os tempos de tramitación que provocaría realizar unha convocatoria anual. Deste xeito, a Xunta achegará un montante de 275.328 euros para cada anualidade.

Aposta pola rehabilitación e integración social

Desde o ano 2010, convócanse axudas para a realización de programas de incorporación social en vivendas para persoas con problemas de adicións. Neste senso, as vivendas de apoio ao tratamento son un recurso que permite garantir un espazo físico de convivencia á poboación drogodependente. Así, favorecen a súa estabilización e adherencia aos tratamentos, ademais de incidir no seu proceso de rehabilitación e integración social.

Este apoio residencial tamén facilita, mediante un conxunto de actuacións de carácter socioeducativo, a adquisición e mantemento de condutas axeitadas para a súa progresiva normalización social e incorporación ao mundo laboral. 

De acordo á necesidade de realizar unha atención integral, o emprego destas unidades convivenciais para pacientes drogodependentes, posibilita afrontar as dificultades xerais que xorden nos procesos de rehabilitación e, ao estar nunha contorna semitutelada, facilitase a adaptación a un novo marco de convivencia, baseado nunha xestión formada e responsable da súa vida cotiá.

Finalmente, o programa, tamén incide no seguemento do proceso de recuperación, desde a fase inicial de acollida ata a fase final de reinserción, para aquelas persoas usuarias que por razóns de distancia, dificultades económicas, ou outros motivos, non poden vivir na propia casa coa súa familia.

Data de actualización: 10/02/2023