A Xunta creou máis de 50 prazas de fisioterapeuta de atención primaria nos últimos anos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destaca, ademais, durante unha visita á área de fisioterapia do centro de saúde Virxe Peregrina, que se estabilizará a 84 fisioterapeutas coas convocatorias en marcha este ano

O titular da carteira sanitaria remarca a creación, dende 2019, de máis de 400 prazas nas categorías de atención primaria distintas do médico, como a enfermería, a farmacia, o traballo social ou a fisioterapia

O novo sistema de xestión integrada da demanda (XIDE), implantado pola Xunta na atención primaria, permite que o paciente poida acceder de xeito directo ao fisioterapeuta

Pontevedra, 10 de febreiro de 2023

“Somos conscientes do excelente complemento que proporciona a fisioterapia ao tratamento de moitas doenzas, non só na súa cura, senón, tamén, na mellora da calidade de vida do doente”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita á unidade de fisioterapia do centro de saúde Virxe Peregrina, acompañado do delegado da Xunta, Luis López, e do xerente da área, José Flores.

 

Debido a esta mellora para os doentes, o conselleiro dixo que, nos últimos tres anos, dentro do Plan galego de atención primaria 2019-2021, “a Xunta creou 40 novas prazas de fisioterapia”. Este reforzo, -proseguiu o titular da carteira sanitaria-, “o ampliamos nos orzamentos deste ano coa creación de 13 novas prazas, o que supón que, nos últimos anos, creamos máis de 50 prazas para reforzar a presenza desta categoría nos centros de saúde”.

 

Xunto ao anterior, Comesaña dixo que a Xunta tamén fixo un esforzo para darlle estabilidade a estes profesionais. Así, “a comezos deste ano convocamos un total de 84 prazas fixas para estabilizar aos fisioterapeutas”.

 

Segundo incidiu o conselleiro, “estamos a crear ou ampliar novas unidades de fisioterapia en primaria, evitando derivacións innecesarias aos hospitais”. Este foi o caso de “ampliacións de persoal como a do centro de saúde Virxe Peregrina, o que permitiu estender o horario de servizo, ou das novas unidades creadas en Vilanova ou en Caldas, nesta mesma área sanitaria, e no Milladoiro en Santiago e outra en Ferrol”.

 

“A Xunta quere darlle aos fisioterapeutas a relevancia que merecen dentro do sistema público galego de saúde e na atención primaria”. Mostra diso é o papel que adquiren grazas ao novo sistema de xestión integrada da demanda que puxo en marcha a Xunta no primeiro nivel asistencial, e que posibilita, -dixo o conselleiro-, “que os pacientes poidan ter acceso, dentro dos parámetros incluídos no sistema, a unha consulta co fisioterapeuta sen a intermediación doutro profesional”.

 

Para complementar este mellor acceso, “teremos a nova carteira de servizos de fisioterapia de primaria, que definirá todas as potencialidades desta categoría. Agardamos aprobala na próxima reunión do Consello Técnico de Atención Primaria, -remarcou o conselleiro-.

 

Xunto ao anterior, “estamos a traballar na homoxeneización da actividade das axendas de fisioterapia e no establecemento de criterios de calidade para a súa ordenación. Melloras que se aplicarán este mesmo ano”.

 

Igualmente, Comesaña destacou que o seu departamento acaba de poñer en marcha un proxecto piloto no centro de saúde Virxe Peregrina, implantando a interconsulta entre medicina de familia e fisioterapia, “o que posibilita dixitalizar o seguimento compartido do paciente entre o médico de familia e o fisioterapeuta”.

 

Máis de 400 novas prazas de profesionais de primaria

Na súa aposta pola atención primaria, o responsable do departamento sanitario galego dixo que a Xunta tamén está a potenciar outras categorías profesionais, dotando a este nivel asistencial de 278 novas prazas de enfermería, 26 de matrona, 32 de farmacéutico ou 18 de traballo social. En total, máis de 400 novas prazas de profesionais de primaria, diante da escaseza de médicos de familia en todo o Estado, “porque temos que poñer en valor a función que desenvolven todas elas traballando en conxunto”.

 

Tamén destacou o conselleiro que o centro de saúde Virxe Peregrina conta con Plan local de saúde, “sendo un dos centros que máis accións formativas oferta aos seus profesionais”, o que lle valeu ser premiado pola Consellería de Sanidade en recoñecemento ao uso de boas prácticas clínicas. “Grazas a este plan local de saúde, ten previstas a realización de accións comunitarias encamiñadas á prevención e mellora da saúde da poboación á que atende”.

 

Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que “a Xunta seguirá a traballar para que os fisioterapeutas, grazas ao seu labor e coñecementos, sigan a constituír unha peza esencial do bo funcionamento do Sergas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023