A conselleira do Mar asistiu esta mañá a unha limpeza de residuos mariños en Vilaboa

Os profesionais do mar retiraron co apoio da Xunta máis de 235 toneladas de lixo mariño no último trienio

A limpeza de Vilaboa enmárcase nun dos 23 proxectos desenvolvidos nos últimos tres anos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños cunha achega pública global de máis de 1,2 millóns de euros

Rosa Quintana sinalou que entre 2020 e 2022 se realizaron máis de 160 limpezas activas nas que se retiraron refugallos naturais como algas ou paus de madeira, vidro ou cerámica, plásticos, metais, teas ou gomas

Ao resultado dos traballos desenvolvidos neste tempo hai que engadir tanto os dos proxectos que teñen continuidade en 2023 como os das iniciativas que se aproben na convocatoria deste ano, á que o Goberno galego destina 340.000 euros

Vilaboa (Pontevedra), 10 de febreiro de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe a unha das xornadas de limpeza de lixo mariño impulsadas pola confraría de pescadores de Vilaboa nas proximidades do peirao de Santa Cristina de Cobres. Esta acción enmárcase nun dos 23 proxectos colectivos desenvolvidos desde 2020 no marco das convocatorias de axudas da Consellería do Mar para accións de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos. Con estas iniciativas, destacou a titular de Mar, o sector marítimo-pesqueiro galego retirou entre os anos 2020 e 2022 máis de 235 toneladas de lixo das costas galegas.

Ademais Rosa Quintana -que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez- explicou que estas accións contaron cunha achega global do Goberno galego de máis de 1,2 millóns de euros. Unhas actuacións, sinalou, que poden ser desenvolvidas por confrarías de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades asociativas do sector en Galicia como as ONG en alianza coas entidades do sector ou conxuntamente cos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Con estes proxectos, engadiu a conselleira, os profesionais do mar contribúen á loita contra o lixo mariño, a preservar a economía local das zonas costeiras e a garantir o futuro das novas xeracións. Ao mesmo tempo destacou a implicación da cidadanía no coidado dos mares, especialmente entre os profesionais do mar.

 

Dos 23 proxectos desenvolvidos, 20 consistiron na recollida activa de lixo por mariscadoras e mariscadores e embarcacións -con días de saída específica para retirar residuos de determinadas zonas- e tres de recollida pasiva, sacando do litoral os refugallos que chegan nos aparellos durante os traballos ordinarios de pesca ou de extracción de recursos marisqueiros.

En canto ás limpezas activas, Rosa Quintana, sinalou que nos últimos tres anos se realizaron un total de 163 nas que participaron máis de 660 persoas e dez embarcacións, algunhas delas formando parte de accións desenvolvidas en distintos anos. Da recollida pasiva formaron parte preto de 470 profesionais do mar e arredor de 112 embarcacións. Dos refugallos recollidos nestas accións, máis de 68.000 quilos son de produtos naturais (como algas, pólas ou paus de madeira, entre outros) e máis de 63.000 quilos de vidro ou cerámica. A eles engádense residuos téxtiles, de metal, goma ou doutros materiais variados, afondou a conselleira.

Dentro destas iniciativas desenvolvéronse máis de 114 accións para mellorar a concienciación ambiental, a formación e a colaboración entre os axentes implicados. Entre elas charlas e xornadas formativas, material divulgativo, obradoiros, reportaxes de vídeo e exposicións. A estes resultados hai que sumar tanto os das accións pendentes de desenvolver este ano no marco dos proxectos plurianuais aprobados en 2022 como os da convocatoria de axudas deste exercicio, que contan cun orzamento de 340.000 euros.

Implicación do sector

Rosa Quintana puxo de relevo que as iniciativas desenvolvidas ao abeiro das axudas da Consellería do Mar son un exemplo do alto grao de implicación do sector na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. Isto tamén se reflicte no feito de que máis do 60% dos plans de marisqueo xeral para o período 2021-2023 e preto do 70% dos plans de xestión de recursos específicos de 2022-2024 inclúen accións de recollida de lixo mariño nos seus obxectivos ecolóxicos a tres anos.

A maiores destacou a implicación crecente do sector nestas tarefas pois a cifra dos proxectos aumenta progresivamente. De feito, no marco da primeira convocatoria destes apoios -do ano 2020- executáronse cinco proxectos e na última -a de 2022- desenvolvéronse ou están en desenvolvemento dez, é dicir, o dobre.

Todas estas iniciativas enmárcanse no plan MarLimpo da Consellería do Mar, co que Galicia pretende contribuír a acadar un ambiente costeiro e mariño limpo, saudable, produtivo e bioloxicamente diverso e unha redución da cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras. A través del tamén se busca que os sectores pesqueiro e marisqueiro integren nas súas operativas boas prácticas que contribúan á protección do medio mariño.

 

Proxecto de Vilaboa

A limpeza realizada hoxe na contorna do peirao de Santa Cristina de Cobres enmárcase nun proxecto da confraría de Vilaboa a desenvolver nas anualidades 2022 e 2023 e que recibiu unha achega da Xunta de preto de 63.000 euros no marco da convocatoria de axudas do ano pasado. Esta confraría realizou no 2022 un total de tres limpezas nas que participaron unha media de 47 profesionais do marisqueo a pé que retiraron preto de 7.000 quilos de residuos mariños, entre eles vidro e cerámica, plástico e produtos naturais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023