A Xunta conmemorou en Lugo o Día Internacional da muller e da nena na ciencia

Lorenzana avoga por “propulsar o cambio” na ciencia para dar paso ás mulleres e avanzar na verdadeira igualdade de oportunidades

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, defendeu a necesidade de “abrir ás portas” da ciencia e da tecnoloxía ás mulleres novas e de impulsar as súas vocacións

Agradeceu a presenza da astrofísica galega da NASA, Begoña Vila, como referente da ciencia do futuro que segundo dixo será “feminista, integradora e humanista”

A Xunta ten en marcha o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 que conta cun orzamento histórico próximo aos 45M€ para acadar un sistema galego igualitario da ciencia, tecnoloxía e da innovación
 

Lugo, 11 de febreiro de 2023.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe no Auditorio AFundación de Lugo no acto Mulleres, supernovas da Ciencia, convocado polo seu departamento para conmemorar este 11 de febreiro, o Día internacional da muller e da nena na ciencia, que contou coa participación da  astrofísica e enxeñeira viguesa da NASA, Begoña Vila.

Actos como o de hoxe, especificou a titular de Igualdade, permiten á Xunta de Galicia contribuír a promocionar as carreiras tecnolóxicas entre as mulleres e as nenas para impulsar as súas  vocacións científicas. Tamén, engadiu, se trata de visibilizar o traballo das galegas referentes para axudar a rachar cos estereotipos e “propulsar o cambio”, algo para o que é preciso, recalcou “abrir portas” ás máis novas, “rachar coas etiquetas” e “ transformar conciencias”.

O encontro contou como invitada coa astrofísica e enxeñeira viguesa do Telescopio Espacial James Webb da NASA Begoña Vila, que pronunciou un relatorio co título De onde vimos?, a resposta nas estrelas. Vila traballa como enxeñeira de sistemas do Fine Guidance Sensor (FGS) -sensor que leva o Telescopio James Webb-, no centro de voo espacial Goddard (GSFC) da NASA. Esta axencia premiou en 2016 a súa contribución coa misión espacial coa medalla Exceptional Public Achievement Medal.

Falaron tamén no acto Cintia Folgueira Cobos, investigadora postdoutoral no Centro Nacional de Investigaciones Cardiovasculares (CNIC); Natalia Barreiro Piñeiro, investigadora postdoctoral no Centro Singular de Investigación en Química, Bioloxía e Materiais Moleculares (CiQUS), da Universidade de Santiago de Compostela; e María de la Fuente Freire, directora da unidade de Nano-Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e CEO da start up biotecnolóxica Diversa.

Lorenzana agradeceu as contribucións de todas elas ao coloquio desta xornada, que cobran especial relevancia “por ser protagonistas da ciencia do futuro: feminista, integradora e humanista”. “Sabede sempre que contaredes co compromiso e co apoio da Xunta de Galicia”, recalcou.

O acto aberto ao público contou coa presenza de estudantes con intereses científicos, entre elas, dúas alumnas de institutos e colexios de Lugo que foron finalistas na Olimpiada Matemática Galega.

A Xunta de Galicia mantén firme o seu compromiso para garantir a igualdade no eido da investigación e da universidade. A comunidade é punta de lanza por contar coa chamada lei Ángeles Alvariño co apoio unánime polo Parlamento, que introduce medidas para que a maternidade ou a conciliación non penalicen as carreiras das científicas.

O Goberno galego conta tamén coa Unidade Muller e Ciencia que desenvolve as súas funcións para incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia. Galicia está a desenvolver da súa man o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 que, co maior orzamento da súa historia, 44,7 millóns de euros, aspira a lograr un sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2023