O conselleiro de Educación visita o centro para presentar os traballos

A Xunta acometerá as obras de reforma e mellora do colexio de Silleda cun investimento de 436.000€

Román Rodríguez explica que se procederá á substitución das cubertas, a reforma dos aseos e a ampliación da aula de música

Estímase que as actuacións, cun prazo de catro meses de execución tras a adxudicación, estean rematadas en outono

O titular de Educación lembra que esta obra, xunto coa mellora do colexio Ramón de Valenzuela e o instituto Pintor Colmeiro, suman un investimento de 923.000€ e son “o compromiso máis evidente” do Goberno galego con este Concello
 

Silleda (Pontevedra), 15 de febreiro de 2023.-

A Xunta de Galicia vai acometer unha importante obra de reforma e mellora do colexio plurilingüe CEIP de Silleda, cun investimento que acadará os 436.000 euros. Así o avanzou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a este centro para presentar ante a comunidade educativa os traballos que se van a desenvolver.

 

O titular de Educación do Goberno galego explicou que a intervención engloba tres grandes actuacións que son a reforma dos aseos da planta baixa, da entreplanta, da planta primeira e da segunda, a substitución das cubertas do edificio de primaria e a ampliación da aula de música.

 

Así mesmo lembrou que a previsión inicial para esta intervención era de 100.000€, pero unha vez completado o proxecto, o investimento “multiplícase por catro con respecto a esta previsión ata superar os 400.000 euros”, suba derivada da decisión da Consellería de ampliar o número de actuacións e da alza de prezos.

 

Nestes momentos, a Consellería de Educación está ultimando os pasos administrativos para poder licitar o proxecto nas vindeiras semanas. En canto á obra, que terá un prazo de execución de catro meses a contar desde a adxudicación, prevese que estea rematada en outono.

 

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Román Rodríguez subliñou que esta actuacións suporá unha mellora do confort para a comunidade educativa deste colexio, “na mesma liña que a reforma do colexio Ramón de Valenzuela, que estamos a piques de adxudicar, cun investimento de 391.000€”, onde lembrou que tamén se actúa nas cubertas e nos aseos, entre outros. Os traballos desenvolveranse seguindo as especificidades marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para acadar recintos escolares máis cómodos, seguros e sustentables.

 

Así pois, contando tamén as melloras no instituto Plurilingüe Pintor Colmeiro, o investimento da Xunta en centros educativos de Silleda elévase a 923.000€ na actualidade, o que, en palabras do conselleiro, “é a proba máis evidente do compromiso que temos desde o Goberno galego coas infraestruturas escolares deste Concello”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2023