Román Rodríguez traslada á nova decana de educación da USC o apoio da Xunta para reforzar a carreira docente

O conselleiro de Educación asiste a toma de posesión de Mª do Mar Lorenzo na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu á toma de posesión de Mª do Mar Lorenzo como nova decana da Facultade de Ciencias de Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un acto no que tamén participou o reitor, Antonio López.

O conselleiro quixo felicitar á nova decana pola súa nova responsabilidade e trasladoulle a disposición da Xunta de Galicia para colaborar a prol da mellora das competencias docentes e no reforzo da carreira docente. “Nesta Facultade fórmase o piar fundamental do noso sistema educativo, as persoas que preparan aos nenos de hoxe para ser os cidadáns do mañá, polo que o cargo que asume é capital”, afirmou.

Mª do Mar Lorenzo, que substitúe a Carmen Fernández Morante, no cargo desde 2019, é doutora en Filosofía e Ciencias da Educación e catedrática no departamento de Pedagoxía e Didáctica. Forma parte, así mesmo, do grupo de investigación ESCULCA da USC e da Rede de Investigación RIES (Rede de Inmigración, Escola e Sociedade). No ano 2007 obtivo o 1º Premio Nacional de Investigación Educativa co proxecto Familias inmigrantes en Galicia: a dimensión socio-educativa da integración, do que foi directora. Tamén acadou o terceiro premio deste galardón no ano 2003.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023