A Xunta ten mobilizado o 100 % dos 1.122 M€ dos fondos europeos recibidos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia

Rueda denuncia retrasos “sen moita razón” da partida asignada a Galicia, xa que o Executivo central aínda non transferiu 144 M€ do global comprometido

Destaca que a Xunta xa destinou a concellos o 93 % destes fondos recibidos, que contrapón co 43% destinado a entidades locais por parte do Goberno de España

Pide ao Executivo de Pedro Sánchez a “mesma axilidade” ca Xunta para que cheguen a Galicia as partidas que precisan os proxectos tractores galegos

Santiago de Compostela, 23 de febreiro

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o Goberno galego ten mobilizados “o 100 %” dos 1.122 millóns de euros recibidos ata o de agora dos fondo europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). No entanto, advertiu de que a Galicia fáltanlle aínda 144 millóns dos 1.266 millóns de euros que ten asignados. “Porque asignar non quere dicir recibir”, apuntou a este respecto, ao tempo que lamentou que o 40 por cento do achegado á comunidade foi nos últimos seis meses.

En todo caso, puxo en valor que a pesar destes “retrasos sen moita razón” e das “dificultades” Galicia cumpriu cun nivel de “execución moi notable” dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia recibidos. Así, apuntou a que dúas terceiras partes destes 1.122 millóns -747 M€- xa teñen publicadas a súa convocatoria, “e a metade destes millóns xa chegaron aos seus destinatarios”, engadiu.
 
O mandatario galego explicou que, na práctica, isto se traduce en que a Xunta xa está dando apoios grazas a estes fondos que están “perfectamente identificados”. En concreto, precisou que foron dirixidos a 7.000 persoas autonómas, 370 empresas, 12 entidades do sector público, máis de 27.000 persoas físicas e 130 organismos públicos, entre clústeres e asociacións.
 
Rueda fixo fincapé no feito de que, dos fondos europeos orzamentados pola Xunta de Galicia destinados a entidades locais, o 93 por cento -60 millóns de euros- xa foron executados, unha porcentaxe que contrapuxo coa partida recibida polos municipios directamente do Goberno central, e que situou nun 46,2 %, “menos da metade da execución da Xunta”, remarcou.
 

Demanda da mesma axilidade ao Goberno central

Estes datos amosan -segundo subliñou o presidente galego- que o Goberno galego “segue sendo áxil”. “E isto dános dereito a pedir a mesma axilidade”, en referencia aos fondos europeos e que defendeu que o Goberno central ten que pór á disposición dos proxectos tractores galegos. Neste senso, denunciou que, ata agora, Galicia “só recibiu o 3,5 % da axuda comprometida nos PERTE”.

No caso de Galicia, trátase de proxectos vitais para o seu futuro económico e laboral, como son a plataforma para a fabricación dos novos modelos do vehículo eléctrico de Stellantis en Vigo; factoría de grafito -tamén para vehículos eléctricos- que Resonac (antiga Showa Denko) pretende situar na Coruña; a fábrica de fibras téxtiles que Altri propón construír en Palas de Rei (Lugo); ou a futura planta de pneumáticos de Sentury Tire no municipio coruñés das Pontes.
 

Por estes motivos, considerou “especialmente oportuno” que coincidise o informe sobre a execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia presentado hoxe ao Consello da Xunta coa visita da comisión do Parlamento europeo para examinar a xestión destes fondos. “Agardo cambios e que se axilicen”, defendeu en referencia a trámites “farragosos” e excesivamente “burocráticos”, ao tempo que insistiu na necesidade de “descentralización” para que estes “recursos cheguen canto antes”. “Aínda estamos a tempo, pero cada vez queda menos”, advertiu.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023