Máis de 51.000 pacientes beneficiáronse en 2022 do Decreto de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas

Na inauguración do V Simposio Nacional de Oncología de Precisión, o conselleiro de Sanidade destacou o compromiso individual que este decreto establece cos pacientes afectados por determinadas patoloxías, a maioría oncolóxicas, cun tempo de espera máximo de 60 días para intervencións cirúrxicas, e de 45 para probas diagnósticas ou consultas

Julio García Comesaña lembrou que o cancro representa un dos maiores retos do noso sistema sanitario, e desagregou outras medidas como a Estratexia Galega contra o Cancro, e os programas de detección precoz

Vigo reuniu nesta xornada a expertos de ámbito nacional e internacional no eido da oncoloxía de precisión

Vigo, 23 de febreiro de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe en Vigo, na inauguración do V Simposio Nacional de Oncología de Precisión, que no ano 2022 un total de 51.091 pacientes se beneficiaron en Galicia do Decreto que garante un tempo máximo de 60 días para unha intervención cirúrxica, e 45 para unha proba diagnóstica ou consulta aos pacientes afectados de determinadas patoloxías, a maioría de carácter oncolóxico.

Dos 51.091 pacientes que se beneficiaron en 2022 do Decreto de Garantías de Tempos Máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas, publicado en xaneiro de 2018, un total de 10.727 o fixeron para unha intervención cirúrxica, 21.621 para unha proba, e 18.743 para unha primeira consulta, segundo desagregou o conselleiro de Sanidade na súa intervención.

Julio García Comesaña lembrou que Galicia desenvolve 8 vías rápidas para a atención de distintos procesos oncolóxicos – mama, colon, próstata, pulmón, vexiga, cabeza e pescozo, así como melanoma e endometrio -, e que estas vías “constitúen unha liña de acción fundamental do Servizo Galego de Saúde na loita contra o cancro”.

“Queremos reverter, na medida do posible, esta situación”, dixo o conselleiro en referencia a que o cancro constitúe unha das principais causas de mortalidade en España e en Europa. “E para iso, en Galicia contamos con potentes ferramentas”, engadiu.

A importancia dos cribados na estratexia de prevención

Ademais das vías rápidas, a prevención é outra das medidas polas que a Xunta está a apostar, que inclúen “os cribados, o fomento de estilos de vida saudables, o diagnóstico precoz e o acceso a novos tratamentos, fármacos e terapias”.

“Os cribados -destacou o conselleiro- permítennos ir por diante da enfermidade e, nalgúns casos, poñerlle freo. En Galicia temos en marcha tres: mama, colorrectal e cérvix”. Neste senso, o titular da sanidade galega remarcou “o aumento dun 70% da partida para cribados nos Orzamentos da Xunta para 2023, ata chegar aos 2,6 millóns de euros”, así como a aprobación, en outubro de 2022, dunha Estratexia Galega para a xestión do cancro.

Julio García Comesaña sinalou que Galicia realizou xa máis de 3 millóns de exploracións de cancro de mama na súa historia, e cifrou en mais de 150.000 as que se realizan ao ano na actualidade. Grazas a este programa de cribado, estes anos descubríronse preto de 11.000 cancros, dos cales o 70 por cento se atopaban en estadios precoces (0 e 1).

En relación con cancro colorrectal, “Galicia adiantouse máis de 5 anos ás metas propostas, iniciando a implantación dos cribados no ano 2013 en Ferrol, de xeito que no ano 2019 todas as áreas tiñan completado unha primeira rolda de invitacións de cribado”, precisou o conselleiro, ao tempo que insistiu en que “para aumentar a partipación cidadá, a finais do ano pasado a Xunta comezou a enviar directamente aos domicilios os tests de cribado”.

O titular de sanidade galega referiuse tamén ao terceiro gran programa poboacional de cribado: a detección precoz do cancro de cérvix, lembrando que a Comunidade galega iniciou a súa implantación en 2021 na área sanitaria de Lugo, “estendeuno ás areas de Pontevedra e Ferrol en 2022, e neste 2023 chegará a todas as áreas sanitarias”.

“Ademáis, Galicia está en liña coa nova recomendación europea que marca o camiño na ampliación da carteira dos cribados, avalando a introdución de novas ferramentas de detección precoz para os cancros de pulmón e próstata”, engadiu Julio García Comesaña.

Produción de terapias avanzadas e protonterapia

O uso dos tratamentos máis avanzados e outro dos eidos nos que traballa a Xunta de Galicia, segundo destacou o conselleiro, quen lembrou dúas grandes apostas nas que a sanidade galega está a traballar, coa creación do centro de fabricación de terapias avanzadas, entre as que se atopan os fármacos CAR-T, e o recente anuncio da convocatoria do proceso selectivo de varias prazas de persoal especializado que prestará servizo neste novo centro, que conta cun investimento por parte da Xunta de preto de 3 millóns de euros -entre reforma, adquisición de equipamento e contratación de persoal- e que producirá medicamentos de alto impacto clínico e asistencial e fármacos destinados a diversas terapias celulares.

Así mesmo, Julio García Comesaña referiuse ao novo centro de Protonterapia, a nova técnica que permite utilizar protóns para aplicar radiación directa a tumores e destruír células cancerosas, indicada para tratar tumores situados en zonas sensibles, así como a intención da Xunta de que sexa o primeiro centro público de España destas características en poñerse en marcha.

Finalmente, García Comesaña indicou que Galicia é unha comunidade pioneira na busca de solucións innovadoras, coa colaboración entre organismos de investigación e empresas, e ocupa unha posición referente en eidos como a medicina xenómica, a nanomedicina, o descubrimento de fármacos e a investigación oncolóxica, e destacou o gran traballo da Sociedade Oncolóxica de Galicia na formación e na innovación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023