A Xunta avanza na utilización de drons para facilitar a recompilación de datos dos ríos e avaliar o estado das masas de auga na demarcación de Galicia-Costa
Augas de Galicia está a levar a cabo a supervisión dunha proba de campo con avións non tripulados en varios treitos dos ríos da demarcación de titularidade da Xunta, centrándose nestes días na ribeira do río Anllóns, en Bergantiños
Impúlsase o desenvolvemento, implantación e validación dunha infraestrutura tecnolóxica innovadora que permita agregar e explotar toda a información existente e facilite a toma de decisións a curto, medio e longo prazo
A recompilación, procesado e interpretación dos datos apoian a xestión de Augas de Galicia e redundan nas medidas para aumentar a resiliencia ao cambio climático
Os traballos enmárcanse no proxecto Innovaugas 4.0, unha iniciativa da Xunta dotada dun orzamento de 7 M€ para optimizar os recursos hídricos e responder ás demandas dos usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a avanzar na utilización de drons para facilitar a recompilación de datos dos ríos e avaliar o estado das masas de auga na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.
Os técnicos da Augas de Galicia están a levar a cabo nestes días a supervisión dunha proba de campo con avións non tripulados en varios treitos dos ríos da demarcación de titularidade da Xunta, centrándose nestes últimos días na ribeira do río Anllóns, na comarca de Bergantiños.
Neste caso, están a utilizarse drons con tecnoloxía LIDAR para sobrevoar a zona e os datos recompilados serán procesados para identificar parámetros hidromórfológicos do río que faciliten a avaliación do estado das masas de auga analizadas, identificando obstáculos, vexetación de ribeira ou outro tipo de presións ás que podería estar sometido o río.
Augas de Galicia realiza periodicamente a avaliación de estado das masas de auga, que actualmente implican un importante traballo en campañas de campo onde os técnicos teñen que recompilar todos os datos necesarios in situ. Deste xeito, o emprego de drons facilita recoller estes datos en zonas de difícil acceso ou nas que se necesite unha visión máis global, o que suporá unha mellora substancial, tanto na calidade das avaliacións como no tempo de realización.
Esta solución tecnolóxica enmárcase no reto 1, sistema integral de información hidrolóxica para unha xestión avanzada dos recursos hídricos, do proxecto Innovaugas 4.0 impulsado pola Xunta. Neste caso, perséguese o desenvolvemento, implantación e validación dunha infraestrutura tecnolóxica integrada para recompilar, procesar e interpretar datos que permitan agregar e explotar toda a información existente procedente de distintas fontes co fin de facilitar a toma de decisións adecuadas a curto, medio e longo prazo.
En concreto, a solución que se está a levar a cabo baixo a proposta da UTE formada por Viaqua, Xestión Integral de augas de Galicia, S.A. e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, permitirá a xestión integrada dunha inxente cantidade de datos procedentes de fontes moi diversas como son os datos históricos e as predicións de precipitacións, de temperaturas, resultados das análises de calidade das augas e moitas outras medicións realizadas polos sensores dispostos no sistema de Augas de Galicia.
Esta solución innovadora garantirá a integración a futuro de novas fontes de información, así como a particular configuración da demarcación hidrográfica Galicia-Costa e a necesidade de rexistrar novas variables que permitan coñecer os impactos producidos polo cambio climático na xestión dos recursos hídricos.
Aplicación de intelixencia artificial á toma de decisións
A tecnoloxía, non existente no mercado actual, constituirá a mellor resposta para almacenar, intercambiar e xestionar datos actuais e futuros, incluíndo intercambio de datos cos cidadáns; analizar, procesar e tratar de forma avanzada os datos dispoñibles, aplicando técnicas estatísticas e de intelixencia artificial para modelar escenarios futuros; e ata desenvolver e implantar aplicacións que, a partir de todos estes datos dispoñibles, e con intelixencia artificial permitan dar resposta a problemas concretos.
Innovaugas 4.0
Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Xunta, a través de Augas de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.
O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.