A Xunta reorganizará nun só edificio os dous órganos xudiciais do concello da Estrada

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, reuníronse esta mañá co alcalde José López e o arquitecto encargado de elaborar o proxecto das obras que a Xunta prevé licitar a finais de maio

A Estrada (Pontevedra), 28 de febreiro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordou esta mañá o proxecto básico e de execución das obras de construción do novo edificio xudicial da Estrada co alcalde da vila, José López, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, e o arquitecto Víctor Manuel López Puga, cuxo estudo foi adxudicatario en abril de 2021 do servizo de redacción do proxecto básico e de execución dos traballos.

O proxecto puido ser revisado e elaborado de novo para axustase á crise de subministración de materiais e ás especificidades da futura Lei de eficiencia organizativa, conseguindo un maior aproveitamento e funcionalidade do inmoble, unha máxima eficiencia y sustentabilidade das súas instalacións e mellor accesibilidade de todas as persoas que acudan á sede xudicial. Ademais, ambos os xulgados van estar nun mesmo andar. Segundo indicou José Tronchoni, cúmprese así co Plan de Xustiza 2030.

O director xeral de Xustiza apuntou que unha vez analizada a nova proposta a previsión é proceder á licitación a finais de maio. A duración estimada dos traballos é dun ano.

A execución desta obra permitirá reorganizar os dous órganos xudiciais existentes en sedes diferentes na avenida Benito Vigo -os xulgados de Primeira Instancia e Instrución nº 1 e nº 2- nun único inmoble na parcela A Baiuca na avenida da Torre cedida polo concello.

A superficie útil do edificio prevista é de 1.817 metros cadrados coa posibilidade de albergar unha nova unidade xudicial nun futuro. Tamén contará con salas de vistas, así como espazos para outros servizos xudiciais e organismos como decanato, sala de videoconferencias e de informática, sala de atención ás vítimas, rexistro civil, despacho e sala de espera para o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), despacho para a Fiscalía e unha área para os profesionais da avogacía, procuradores e graduados sociais.

Neste novo espazo traballarán 18 profesionais: 2 xuíces, 2 letrados da Administración de Xustiza, 12 funcionarios e 2 axentes de seguridade. O orzamento previsto para a execución da obra ascende a 2,7 M€, dos que 2 M€ se reservan nas contas autonómicas deste exercicio.

Mellora das infraestruturas xudiciais

O proxecto enmárcase no Plan de infraestruturas xudiciais da Xunta, no que se se levan investidos máis de 127 millóns de euros. Segundo indicou o director xeral de Xustiza, neste ano seguirase avanzando no desenvolvemento do plan con obras como a prevista na Estrada, así como coa nova sede do Instituto de Medicina Legal do Imelga en Santiago de Compostela. José Tronchoni referiuse tamén ás diversas obras de melloras que se están a realizar nas infraestruturas xudiciais galegas e que contarán este ano cun orzamento de 1,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023