O Goberno galego aproba o Plan de uso e xestión do Parque Natural Fragas do Eume, cunha vixencia de 10 anos e un investimento estimado de 8,5 M€

Rueda subliña que o obxectivo é “buscar o equilibro” entre a conservación dos recursos e as actividades socieconómicas e a presenza humana ordenada no parque

Resalta que se trata do “bosque atlántico mellor conservado de Europa”

Con este Plan complétase o proceso normativo para dotar dun instrumento de ordenación propio os seis parques naturais de Galicia e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, que suman preto de 50.000 hectáreas e nos cales se prevé mobilizar preto de 70 M€

Fíxase unha nova zonificación en virtude da cal un 42 % das Fragas do Eume goza dun alto grao de protección ou usos limitados en atención á súa riqueza e singularidade

O documento desenvólvese a través de catro programas de actuación centrados na protección dos valores naturais, paisaxísticos e culturais deste espazo, na promoción da investigación no territorio, na xestión do uso público para gozo dos seus visitantes e na mellora e mantemento das instalacións e equipamentos

Entre as accións previstas no PRUX cómpre subliñar un programa para incrementar a superficie de titularidade pública nas zonas de maior protección, un catálogo de flora e fauna alóctonas e de invasoras e un plan de infraestruturas fronte incendios

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou na súa reunión semanal o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Fragas do Eume, un documento de planificación e ordenación deseñado para garantir a conservación dos valores, hábitats e principais especies de flora e fauna que alberga este territorio e que contará durante os seus 10 anos de vixencia cun investimento total estimado en 8,5 millóns de euros. “O noso obxectivo é buscar o equilibrio entre a conservación dos recursos naturais e as actividades socioeconómicas e a presenza humana ordenada neste espazo”, resaltou.

Rueda subliñou que as Fragas do Eume é “un dos bosques atlánticos mellor conservados de toda Europa” e lembrou que coa aprobación deste PRUX, complétase o proceso normativo impulsado co fin de dotar dun instrumento de xestión propio toda a Rede de parques de Galicia, que suma preto de 50.000 hectáreas.

Así, o primeiro documento aprobado foi o do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, en decembro de 2018; ao ano seguinte sumáronse os PRUX dos parques ourensáns Serra da Enciña da Lastra e O Invernadeiro; en 2020 tocoulle a quenda ao Monte Aloia; en 2021 aprobouse o do Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; e o ano pasado foi ratificado o Plan reitor da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Polo tanto, coa aprobación hoxe do PRUX das Fragas do Eume, os seis parques naturais galegos e mais o único parque nacional existente na Comunidade contan xa cun documento de xestión adaptado ás súas necesidades e características específicas. En total, a Xunta prevé mobilizar nestes espazos naturais preto de 70 millóns de euros.

Cómpre subliñar que o obxectivo principal dos PRUX, concibidos para clarificar os réximes de usos dentro de cada parque e as liñas de actuacións que deberá seguir a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, é buscar un equilibrio entre a preservación dos recursos naturais e as actividades socioeconómicas que poden acoller estes espazos.

Neste sentido, o PRUX das Fragas do Eume actualiza a zonificación recollida no anterior Plan de ordenación dos recursos naturais para, por un lado, harmonizala coa do resto de parques e, por outro, axustar os límites de cada área para compatibilizar a conservación do patrimonio natural e da paisaxe cos usos que se desenvolven nel.

Deste xeito, proponse dividir a súa superficie en: zona I de reserva, que inclúe ámbitos que requiren dun alto grao de protección; zona II de uso limitado, espazos cunha maior necesidade de preservación polos seus valores naturais de excepcional rareza, interese ou fraxilidade; zona III de uso compatible, que abrangue áreas cun valor de conservación medio por integrar certo nivel de humanización, nas cales se localizan plantacións forestais, cultivos e matogueira; e zona IV de uso xeral, cun importante nivel de urbanización e que inclúe os núcleos rurais e as vías asfaltadas.

As dúas primeiras, coincidentes cos espazos de maior riqueza natural e paisaxística e, por tanto, que requiren máis protección, abranguen o 42 % da superficie total, que suma 9.106,36 hectáreas. Este dato reflicte que no PRUX os obxectivos de conservación priman sobre calquera outra actividade que se planifique ou desenvolva no parque.

Catro grandes programas de actuación

Con base na nova zonificación e usos e aproveitamentos previstos, o plan desenvólvese ao redor de catro programas: conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural; fomento e promoción da investigación, seguimento e avaliación do territorio; xestión do uso público para que os visitantes coñezan e gocen dos seus valores; e mellora e mantemento das infraestruturas, instalacións e equipamentos existentes.

No marco destes catro grandes programas, fíxase toda unha serie de liñas de actuación e medidas para executar na vindeira década. Así, cómpre destacar o impulso a un novo programa de recuperación ambiental do parque a través do incremento da superficie de titularidade pública en zonas en que implique unha maior continuidade do ecosistema de fraga atlántica. Para logralo porase en marcha un plan de xestión para a adquisición de terreos por parte da Xunta e a súa posterior restauración ecolóxica. “Unha das singularidades deste parque é o que o 80% dos terreos son de particulares”, resaltou o presidente da Xunta.

De igual xeito, engadiu que tamén “se elaborará un catálogo de flora e fauna alóctonas e de especies exóticas invasoras presentes no parque”, e deseñaranse de forma paralela medidas eficaces para o control e a posible erradicación destas poboacións. Ademais, explicou que se fomentará unha xestión forestal sostible e “a substitución de masas de eucalipto por frondosas”.

Así mesmo e co fin de reducir posibles afeccións ao medio natural, o documento inclúe un plan de infraestruturas e accións preventivas fronte aos incendios forestais; ademais do deseño e desenvolvemento de medidas de conservación, mantemento e recuperación dos hábitats de interese comunitario presentes nas Fragas, con accións específicas, por exemplo, en enclaves singulares de interese florístico.

Ademais, o novo instrumento de uso e xestión tamén prevé un Plan de emerxencias —o primeiro deste parque natural— para intervir de forma rápida e eficaz ante posibles eventualidades co fin de minimizar as posibles consecuencias sobre a zona.

Para cumprir con todos os seus obxectivos, o PRUX das Fragas do Eume recolle investimentos nas diferentes liñas de actuación por un importe de 3,12 millóns de euros, aos cales hai que sumar o orzamento que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estima que destinará na próxima década á conservación e posta en valor deste parque a través da concesión de axudas para a execución de diferentes proxectos ou dos gastos do persoal adscrito a el, polo que se mobilizarán en total uns 8,5 millóns de euros.

Un dos bosques atlánticos mellor conservados

O Parque Natural Fragas do Eume atópase ao nordeste da provincia da Coruña —esténdese polos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez— nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas en que nace o devandito río. Estas características explican por que é, hoxe en día, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa.

Así mesmo, outra das singularidades deste espazo natural é que o 80 % dos terreos do parque son de titularidade privada, polo que durante o proceso de elaboración e de consultas do PRUX se tivo moi en conta a opinión e o papel dos propietarios particulares.

Neste sentido, cómpre lembrar que a finais do ano 2021 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou unha rolda de contactos con representantes dos principais colectivos, entidades e administracións públicas implicados e relacionados co Parque Natural Fragas do Eume co fin de facelos partícipes do futuro PRUX.

No marco deste proceso, realizáronse reunións cos alcaldes dos cinco concellos do parque, con representantes de asociacións de propietarios, ecoloxistas, comunidades de montes, entidades veciñais e colectivos ambientais, produtores agrogandeiros, titulares de empresas de lecer e turismo activo, clubs de escalada e montañismo, entre outros.

En definitiva e por todo o exposto, o proceso de elaboración do PRUX Fragas do Eume foi moi consensuado e participativo e, de feito, no marco do trámite de información pública e de audiencia aberto a finais do ano pasado, recibíronse un total de 456 alegacións e achegas das cales algo máis do 62 % foron recollidas no texto, ben porque se aceptaron ou ben porque xa estaban incorporadas no documento orixinal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023