Rueda pon en valor o investimento das empresas que apostan por Galicia para mellorar a súa competitividade e adiantarse aos retos da transición enerxética
Salienta que Galicia gaña cunha nova infraestrutura fundamental para o desenvolvemento da Coruña e da súa comarca
Reafirma o compromiso do Goberno autonómico co tecido industrial galego apoiando as súas iniciativas e ofrecéndolles certezas e marcos legais estables
Arteixo (A Coruña), 3 de marzo de 2023
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pon en valor o investimento das empresas que apostan por Galicia para mellorar a súa competitividade e adiantarse aos retos da transición enerxética. Na inauguración do terminal marítimo de Repsol no Porto Exterior da Coruña, o titular do Executivo autonómico reafirmou o compromiso co tecido industrial apoiando as súas iniciativas e ofrecéndolles certezas e marcos legais estables.
O titular do Goberno galego asegurou que empresas como Repsol e outras compañías que apostan polos novos modelos enerxéticos contarán co apoio do Goberno galego con facilidades de financiación, bonificacións e asesoramento, ademais de certezas, cun marco legal que garante a iniciativa privada e que simplifica os procedementos.
Repsol, xunto con Naturgy e Reganosa, promove un proxecto de xeración de hidróxeno renovable cun investimento de 67,8 millóns de euros que subministrará á refinería da Coruña e a outras industrias e que inxectará gas natural na rede. Foi declarado Iniciativa Empresarial Prioritaria polo Consello da Xunta en decembro de 2022 e acadou unha axuda de 15 millóns do Perte das enerxías renovables.
Galicia conta con outros proxectos innovadores tanto no eido da automoción como nas novas tecnoloxías ou na economía circular que agardan do Goberno central axilidade e xustiza no reparto dos fondos Next Generation.