A Xunta convocará unha liña de axudas para garantir a replantación de castiñeiros afectados polos incendios do pasado verán
José González dixo que estas achegas contarán co orzamento preciso para cubrir a replantación de soutos necesaria tras os lumes de xullo de 2022, como complemento das axudas convocadas xa naquel mes para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas por eses incendios
En beneficio do sector, lembrou que se poden solicitar preto de 3,6 millóns para impulsar plantacións de castiñeiro e para a restauración de soutos tradicionais, así como 9 millóns en maquinaria forestal como a destinada á transformación da castaña
Tamén puxo en valor o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, no marco do cal se persegue recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar 16.000 ha tanto para produción de madeira como de froito deica o ano 2040
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo hoxe un encontro con veciños da comarca de Valdeorras con castiñeiros afectados polos lumes do pasado verán, ante os que anunciou que a Xunta convocará unha liña de axudas para garantir a súa replantación -co apoio da Administración-, co fin de paliar os danos causados neste sector, que ten unha grande importancia nesta bisbarra en particular -dixo- e en toda Galicia en xeral.
Así o sinalou o conselleiro nun encontro no que tamén participaron a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, o rexedor do Barco de Valdeorras, Alfredo Laudelino García, e o de Rubiá, Elías Rodríguez.