O titular do Goberno galego participou na presentación das previsións económicas de Funcas

O presidente da Xunta destaca que Galicia recuperou no 2022 o nivel de PIB prepandemia, antes que a media do conxunto de España

Resalta a boa recuperación da economía galega con récord histórico de exportacións e un crecemento do 3,8% no último ano

Considera a estabilidade galega como un factor fundamental no desenvolvemento dunha economía potente e diversificada

Pide ao Goberno central unha maior cogobernanza nos asuntos económicos que afectan á Comunidade e axilidade no reparto ás empresas dos Next Generation
 

Vigo, 6 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia logrou recuperar o nivel de PIB previo á pandemia durante o pasado ano, un fito que aínda non se conseguiu no conxunto de España. Durante o acto de presentación das previsións económicas de Funcas en Vigo, subliñou que o Goberno galego aposta por medidas que dean garantías e estabilidade, o que contribúe ao desenvolvemento dunha economía forte e diversificada. 

Froito deste modo de traballar desde hai anos, Rueda resaltou que a economía galega está a recuperarse antes que outras Comunidades autónomas das consecuencias da pandemia. Nesta liña, lembrou que o PIB de Galicia superou os 68.800 M€ en 2022, o que supón un incremento do 3,8 % nun ano e recuperar os niveis previos a crise económica derivada da Covid.  

Ademais, subliñou que a Comunidade galega bateu un récord histórico de exportacións o pasado ano superando os 29.800 M€ -un 18,3 % máis que no 2021- e que Galicia é a terceira comunidade con menor ratio de débeda por habitante. Alfonso Rueda destacou tamén o pulo que o turismo deu á economía galega durante o Xacobeo e adiantou que este ano podería ser aínda mellor pola recuperación plena da mobilidade internacional. 

Non esqueceu o emprego. O presidente do Goberno galego chamou a atención sobre a necesidade de casar a oferta coa demanda, e máis nestes tempos nos que a economía está en plena transformación. Nese sentido, puxo como exemplo o modelo da Formación Profesional en Galicia e tamén programas como a Estratexia Retorna, que persegue o regreso dos galegos no exterior, con especial fincapé nos traballadores cualificados que poderán volver á súa terra cun contrato de traballo na man.  

“Para ser realistas hai que ter datos rigorosos, que é o que nos permite ser previsibles e xerar as certezas que demandan os emprendedores, que son os que crean riqueza”, advertiu en relación á dación de contas que ofrece a Xunta.  

Por outra banda, o presidente da Xunta destacou que Galicia está sendo capaz de atraer novos investimentos e proxectos empresariais que van ser estratéxicos para a economía galega nos vindeiros anos. De aí, sinalou, a importancia de que o Goberno central axilice a xestión dos fondos europeos para dar seguridade e certezas ás empresas que están pendentes deste financiemento. 

Rueda lamentou que o Goberno non teña en conta ás comunidades en cuestións tan vencelladas á economía das autonomías como a chegada dos Next Generation, a transición enerxética, a ordenación do litoral ou o desenvolvemento da eólica mariña. Por iso, durante a súa intervención solicitou ao Executivo central unha maior cogobernanza nestes asuntos e tamén facilidades para que as empresas poidan optar a axudas directas coa axilidade que precisan.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2023