A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade compareceu esta mañá, a petición propia, no Pleno do Parlamento para informar sobre a Estratexia da Xunta para mellorar o saneamento e a depuración das rías galegas

Ethel Vázquez destaca que a Xunta logrou evitar unha multa millonaria da Unión Europea grazas a un investimento de 30 M€ no saneamento da ría de Pontevedra

Subliña que, con inxentes recursos, 16,5 M€ na mellora da depuradora dos Praceres e 12 M€ no emisario submarino, e con moito traballo, o Goberno galego foi quen de reverter o expediente sancionador da Unión Europea por incumprimento dos parámetros de depuración na aglomeración urbana de Pontevedra-Poio-Marín

Remarca que desde 2009 a Xunta leva mobilizados máis de 1.100 M€ en actuacións vinculadas ao saneamento das rías: 910 M€ en infraestruturas de saneamento e depuración; 160 M€ na xestión dos equipamentos; 23 M€ a axudar aos concellos na súa explotación; e 7 M€ na planificación de actuacións

Acadáronse fitos importantes: o 78 % das masas de auga das rías atópanse hoxe en bo estado e duplicouse a capacidade de depuración dos municipios costeiros

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmou hoxe que os preto de 30 M€ que investiu a Xunta desde mediados de 2020 na mellora do saneamento da ría de Pontevedra deron os seus froitos e conseguiron evitar unha multa millonaria por parte da Unión Europea, paralizando o procedemento sancionador por incumprimento nos parámetros de depuración.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade compareceu esta mañá, a petición propia, no Pleno do Parlamento para informar sobre a Estratexia da Xunta para mellorar o saneamento e a depuración das rías galegas, con horizonte temporal 2027.

 

Durante a súa intervención remarcou que “o enorme esforzo” que a Xunta vén realizando practicamente en exclusiva para poñer en marcha as infraestruturas de depuración necesarias para o saneamento da ría de Pontevedra “funcionou”.

 

“Evitamos a multa da Unión Europea porque acometemos unha renovación profunda da depuradora”, explicou, lembrando o investimento realizado de 16,5 M€, que permite que desde o pasado mes de xullo a depuradora dos Praceres trate axeitadamente a auga que recibe a unha velocidade de 900 l/s. Ethel Vázquez resaltou que a mellora levada a cabo na depuradora non só permite cumprir os parámetros legais previstos na lexislación europea, senón ir máis lonxe, logrando que a depuración se sitúe entre un 60 % e un 80 % por debaixo dos máximos permitidos, chegando a eliminar o 90 % dos contaminantes.

 

Destacou, ademais, os 12 M€ do novo emisario submarino que se espera que entre en funcionamento en abril, tras o retraso na entrega dalgún subministro, e que permitirá incorporar á ría o caudal que sae da depuradora en condicións óptimas, para que non afecte nin á actividade extractiva nin ao baño. Tamén se referiu a que a planificación futura de mellora do saneamento inclúe o proxecto de ampliación da depuradora dos Praceres, unha actuación necesaria e imprescindible para anticiparse ás novas exixencias na eliminación de nitróxeno e fósforo na ría de Pontevedra, declarada zona sensible.

 

1.100 millóns de euros mobilizados no saneamento desde 2009

Na súa intervención en sede parlamentaria, a titular de Infraestruturas e Mobilidade remarcou que desde o ano 2009 o Goberno galego leva mobilizados máis de 1.100 millóns de euros en actuacións vinculadas ao saneamento das rías, consciente do indiscutible valor paisaxístico, ambiental e socioeconómico que estes enclaves teñen para Galicia e para a calidade de vida e o sustento de milleiros de galegos.  

 

Por iso, e pese a que o saneamento e a depuración son competencias directas municipais, a Xunta, consciente da complexidade técnica, administrativa e económica que supón este tipo de actuacións, asumiu a responsabilidade de tutelar o saneamento das rías galegas apoiando aos municipios na execución, explotación e profesionalización dos seus sistemas de saneamento e depuración municipais.

 

“Nunca ningún Goberno fixo tanto polo saneamento das rías como esta Xunta”, afirmou Ethel Vázquez lembrando os 910 millóns de euros, do orzamento global de 1.100 millóns, que se destinaron especificamente ás obras postas á disposición dos concellos costeiros para mellorar o saneamento e depuración; os 160 millóns destinados á xestión da explotación das instalacións construídas; os 23 millóns para axudar aos concellos na explotación das infraestruturas de depuración e saneamento; e os 7 millóns dirixidos á planificación das actuacións necesarias, a través da elaboración dos plans de saneamento local postos en marcha pola Xunta.

 

Os fitos acadados

Ethel Vázquez referiuse, especialmente, aos grandes fitos acadados grazas ao esforzo   técnico e económico realizado polo Executivo galego no saneamento das rías desde 2009.

 

Así, a evolución derivada do avance no tratamento das augas residuais, coa dotación e mellora das depuradoras nas zonas costeiras, demóstrase no feito de que o 78 % das masas de auga das rías se atopen hoxe en bo estado, cando en 2009 supoñían o 59 %; e en que se conseguiu duplicar a capacidade de depuración, pasando dunha capacidade de depuración para 1 millón de habitantes a 2 millóns de habitantes no ano 2022.

 

Puxo como exemplo, ademais, que no ano 2007 só 3 de cada 10 depuradoras cumprían os parámetros exixidos e hoxe a excepción -dixo- é non facelo, xa que 9 de cada 10 depuradoras cumpren.

 

Outro indicador significativo da mellora do estado da auga das rías é a catalogación das zonas de produción de moluscos. No período 2009-2022 logrouse mellorar a clasificación microbiolóxica de toda as zonas de produción: 42 zonas melloraron a clasificación, das que 26 son zonas de produción de moluscos infaunais e 16 polígonos de bateas. Así as zonas A pasaron de representar o 3,1 % do total en 2009 a supoñer máis do 19 % en 2022.

 

Ademais, o Programa de control de vertidos, no que a Xunta leva investido 22 M€ desde a súa posta en funcionamento, permitiu emendar 626 puntos de verteduras contaminantes á ría, reducindo á metade os puntos contaminantes, que hoxe representan só o 14 % dos vertidos inventariados.

 

Tal e como explicou Ethel Vázquez, estes fitos lográronse a través de seis liñas de actuación que a administración autonómica veu desenvolvendo nos últimos anos e que seguirán marcando a liña de traballo do Goberno galego para afondar no saneamento de depuración das rías: o Programa de control de vertidos; o Programa de seguimento da calidade das augas; os Plans de saneamento local; a execución e explotación de infraestruturas hidráulicas; e as medidas de carácter normativo, como a Lei de Augas de Galicia, o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2022-2027, que entrou en vigor en febreiro ou a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada o pasado ano e coa que a Xunta está a apoiar aos concellos na mellor prestación dos servizos municipais da auga aos cidadáns, ofrecéndolle unha alternativa de xestión profesionalizada e voluntaria dos seus sistemas de abastecemento e depuración.

 

Remarcou, neste sentido, que concellos como Rianxo ou Muxía xa teñen solicitado a Augas de Galicia, que asuma a xestión das súas infraestruturas municipais.

 

Lembrou, ademais, que a execución e mellora de infraestruturas de depuración e saneamento son parte da solución para mellorar a calidade das augas das rías, pero tamén existe un gran problema nas redes e nos colectores municipais, que os concellos deben tratar de corrixir e atallar.

 

66,4 M€ en marcha para afondar nun “obxectivo estratéxico prioritario”

Na súa intervención, a titular de Infraestruturas e Mobilidade lamentou que, pese a ser competencias directas dos concellos, moitas veces a Xunta se ve abocada a emprender completamente en solitario o traballo do saneamento das rías, xa que non atopa receptividade ou a debida colaboración noutras administracións. É o caso da Administración Xeral do Estado, que moitas veces incluso bloquea as tramitacións de actuacións imprescindibles a través da Dirección Xeral da Costa e do Mar; ou dalgunhas Deputacións, que teñen a obriga legal de apoiar aos concellos pero non o fan.

 

Pese a isto, Ethel Vázquez comprometeu traballo futuro e recursos para seguir afondando no que considera un “obxectivo estratéxico prioritario” de Goberno e asegurou que non se dará “nin un só paso atrás” no camiño andado para mellorar o saneamento das rías.

 

En relación á ría de Noia, a titular de Infraestruturas lembrou que a Xunta traballa polo seu saneamento e a calidade das augas para garantir a actividade marisqueira e pesqueira, como demostra o investimento de máis de 2,5 M€ previsto na mellora da depuradora, que se poñerá en marcha a finais de abril. Lembrou, en todo caso, que a autorización de vertido concedida á mina de San Finx o que fai é garantir que as augas sexan depuradas en condicións e cumpran os parámetros de vertido. “A Xunta autorizou unha depuradora, non a explotación dunha mina”, aclarou, para lembrar, a continuación, que Augas de Galicia denegou recentemente a autorización de vertido relacionado coa mina de Varilongo por non cumprir os parámetros exixidos.

 

Remarcou que actualmente a Xunta ten en execución 15 grandes contratos de obra en distintas rías que supoñen un investimento de 66,4 M€. Citou actuacións en marcha relevantes como os colectores xerais e a nova depuradora de Foz; a mellora das liñas de tratamento e da condución de vertido da depuradora de Viveiro e o saneamento de Celeiro; a renovación dos colectores de Pontedeume ou Cabanas; a mellora do saneamento de Cedeira; os colectores de Cee, na ría de Cee-Corcubión; os colectores de Vilagarcía; a depuradora de Queiruga, en Porto do Son; a mellora da depuradora de Cambados; ou a mellora das estacións de tratamento de Soutomaior e Vilaboa.

 

Outros 228 M€ de investimento ata 2027

Ethel Vázquez concretou que a Estratexia da Xunta para mellorar o saneamento e depuración das rías galegas recolle un investimento de máis de 228 M€ ata o ano 2027, co que se quere dar un novo pulo ao traballo que se vén realizando desde 2009.

 

Detallou como actuacións importantes nesa planificación futura a depuradora de Sada, en fase de licitación; o colector do río Sardiña en Ferrol; ou a mellora dos colectores de Cambados. Tamén proxectos redactados e tramitándose para a súa contratación, como a mellora dos colectores e a nova depuradora de Burela; a mellora da depuradora de Noia ou a ampliación da depuradora de Vilagarcía. E outros proxectos en redacción, como o da nova depuradora de Cee, a depuradora de Arcade, a necesaria ampliación da depuradora dos Praceres ou outras melloras nos sistemas de saneamento de Pontevedra.

 

Deste xeito, tal e como concluíu Ethel Vázquez, ao esforzo investidor da Xunta, con eses máis de 1.100 millóns de euros mobilizados desde 2009 que teñen permitido mellorar de xeito “notorio” a calidade das augas, súmanse os 66,4 M€ agora mesmo en execución en distintas infraestruturas hidráulicas nos municipios costeiros e os máis de 228 M€ previstos ata o ano horizonte de 2027 para acadar o obxectivo de que o 100 % das masas de auga do litoral galego estean en bo estado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023