A Xunta compra 40 vivendas á Sareb para reforzar o parque público residencial destinado a alugueiro

O Goberno galego inviste case 3,5 M€ na adquisición destes inmobles, localizados en 16 concellos onde existe demanda de arrendamentos sociais a prezos accesibles
 

Os actuais inquilinos, na súa meirande parte persoas en situación de vulnerabilidade ou afectadas por desafiuzamentos, poderán permanecer nos seus fogares
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia formalizou hoxe a compra dun total de 40 vivendas por case 3,5 millóns de euros co fin de reforzar o seu parque público destinado a alugueiro social en 16 concellos galegos onde está constatada a existencia deste tipo de demanda.

Esta mañá, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, asinou as escrituras de compravenda das vivendas cos representantes da actual propietaria: a entidade financeira Sareb. Unha vez formalizada a operación, que o pasado 23 de febreiro foi autorizada polo Consello da Xunta, todos estes inmobles pasarán a ser cualificados como de promoción pública e destinaranse a alugueiro social a prezos accesibles e regulados.

Cómpre lembrar que o IGVS xa tiña cedida a xestión destas 40 vivendas en virtude dun convenio coa Sareb que se remonta ao ano 2015 e cuxo fin era o de garantir que tanto persoas e familias afectadas por execucións hipotecarias mantiveran a súa vivenda habitual, como que colectivos desfavorecidos ou en situación de exclusión tiveran acceso a un contrato de alugueiro a prezos reducidos.

Neste sentido, os inquilinos que ocupan actualmente estes inmobles —na súa maior parte, persoas en situación de vulnerabilidade— poderán seguir vivindo neles nas condicións establecidas para as vivendas de promoción pública da Comunidade. De feito, un dos obxectivos cos que o IGVS compra estas vivendas é facilitar a permanencia nos seus fogares de persoas vulnerables ou que se viran afectadas por desafiuzamentos ou execucións hipotecarias no seu día e que, por conseguinte, necesitan un alugueiro social.

Así mesmo, a Xunta tamén busca avanzar no seu obxectivo de incrementar o parque público residencial baixo a súa titularidade, reforzando a oferta naqueles municipios onde sigue existindo demanda de vivendas protexidas en réxime de alugueiro.

A adquisición destas 40 vivendas prodúcese dous meses despois de que o IGVS formalizara a compra doutras 55 vivendas propiedade de Abanca por un importe global de 3,9 millóns de euros. Deste xeito e grazas a ambas operacións, o Goberno galego sumará ao seu parque público residencial un total de 95 inmobles.

No seguinte cadro detállanse as vivendas que acaba de comprar o IGVS e os concellos nos que están localizadas:

 
CONCELLO
NÚMERO DE VIVENDAS

A Coruña

1
Arteixo
1
Cedeira
2
Cee
2
Culleredo
3
Miño
2
Narón
2
Lalín
1
Poio
1
Ponteareas
1

O Porriño

3

Salceda de Caselas

2

Salvaterra de Miño

3
Silleda
2
Vigo
10

Vilagarcía de Arousa

4
TOTAL
40
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023