A Xunta convoca 59 cursos de formación continua para persoal da Policía Local con máis dun milleiro de prazas e case 600 horas lectivas no primeiro semestre deste 2023

O programa formativo impartirase na Academia Galega de Seguridade Pública, con especial atención aos contidos sociais

As inscricións deben formalizarse a través da web da Academia ata o 17 de marzo

A iniciativa súmase á oferta de formación continua para outros corpos e forzas de seguridade que traballan en Galicia

Publícase tamén hoxe unha nova convocatoria de cursos de formación continua para persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a convocatoria de 59 cursos de formación continua destinados á Policía Local dos concellos galegos. As accións formativas suman máis dun milleiro prazas e desenvolveranse ata mediados de ano na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Segundo a resolución publicada, poderá participar nos cursos tamén persoal das demais forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade -Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-, para os que se reservan un 20 % das prazas. As solicitudes de inscrición deben presentarse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal) e o prazo para facelo vai desde mañá ata as 14,00 horas do vindeiro venres, 17 de marzo.

A programación formativa suma case 600 horas lectivas e inclúe cursos en modalidade presencial, semipresencial e en liña. Trátase de formación práctica orientada ao labor profesional que desenvolven de xeito cotiá os corpos e forzas de seguridade, con especial atención aos menores, con cursos sobre a prevención e a intervención ante o acoso escolar no marco da labor pedagóxico da policía nos centros educativos, o tratamento policial dos menores que cometen delitos penais, a protección de menores vítimas de infraccións penais ou a relación entre os menores e internet, con especial atención á incidencia das redes sociais na adolescencia.

Entre os contidos máis sociais prevense outros vinculados a intervencións con persoas con discapacidade intelectual ou con enfermidades mentais, ademais de abordar aspectos relacionados coa diversidade sexual, a diversidade de xénero ou orientación sexual.

O plan formativo ten en conta as novidades lexislativas, motivo polo que se inclúe un curso sobre a nova lei de benestar animal ou a Lei orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual.

A convocatoria do DOG recolle outras accións formativas habituais e vencelladas á práctica máis cotiá, con cursos de protección de persoas e edificios, do uso do inmobilizador electrónico ou do desfibrilador semiautomático, e do control de ruídos, así como os protocolos nas inspeccións de vehículos, mercadorías perigosas, transportes públicos e privados ou locais.  

Cómpre sinalar que a Academia de Seguridade Pública é un dos órganos máis representativos das policías locais de Galicia e, en xeral, un centro de referencia canto á formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade. Así, estase a formar a 15ª promoción de Policía Local, cuxo alumnado volveu ás aulas este mes. Dela forman parte as persoas que superaron os procesos de selección unificados para cubrir prazas de axentes de Policía Local.  

Formación continua para persoal das AVPC

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica tamén hoxe a convocatoria de 39 accións formativas descentralizadas para persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, no marco do plan de formación de continua para estes colectivos. O prazo de inscrición comeza mañá a través do formulario de matrícula dispoñible na web da Agasp e prolongarase durante 10 días naturais. As distintas sesións desenvolveranse desde finais de marzo ata xuño.

Trátase de 18 cursos semipresenciais que se realizarán nos concellos da Coruña, Muros, Narón, Padrón, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, na provincia da Coruña; de Meira e Monforte de Lemos, na de Lugo; de Esgos, Maceda, O Pereiro de Aguiar, A Rúa, Toén, Verín e Xunqueira de Espadañedo, en Ourense; e da Estrada e Pontevedra, na provincia de Pontevedra. Neles abordarase a busca de persoas desaparecidas, condución de vehículos todoterreo, accidentes na estrada, a coordinación de incendios, a prevención e loita contra incendios urbanos e forestais, e a organización e seguridade en eventos multitudinarios, probas deportivas e de motor.

A estes súmanse 21 cursos presenciais que terán lugar nos concellos coruñeses de Bergondo, Betanzos, Boiro, Carballo, Ferrol e Ortigueira; nos lugueses de Cervantes, Lugo, Monforte de Lemos e Taboada; nos ourensáns de Cortegada, Lobios, Ourense, Ribadavia e Verín; e nos pontevedreses de Lalín, O Porriño, Pontevedra e Vigo. Os contidos céntranse nos accidentes na estrada, na desfibrilación externa semiautomática, o uso básico de motoserras e a prevención e loita contra incendios urbanos e forestais.

Segundo o plan de formación previsto para 2023, o persoal dos servizos de emerxencias dispón de case 8.300 prazas para realizar máis de 12.000 horas lectivas nas 280 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para fomentar a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.

Data de actualización: 10/03/2023