A Xunta titorizou 120 proxectos en 2022 e contribuíu á creación de 27 novas entidades de economía social grazas ao traballo da Rede Eusumo

Esta rede autonómica, que conta cunha década de traxectoria, impulsa modelos de negocio baseados en fórmulas da economía social

En 2022 acompañou a 232 persoas, o 60% mulleres, na maduración de ideas e modelos de negocio da economía social

Máis de 1.300 persoas participaron en actividades formativas para mellorar as súas capacidades técnicas en comunicación, contabilidade, internacionalización e ferramentas dixitais, entre outras, para impulsar a súa competitividade

A área de Promoción do Emprego e Igualdade incrementou nun 21%, ata os 42 M€, o investimento que en 2023 destinará para seguir a impulsar o sector da economía social

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2023

A Rede Eusumo da Xunta de Galicia, que traballa no impulso da economía social desde hai dez anos, permitiu alumar en 2022 un total de 27 entidades novas neste sector e titorizar 120 proxectos enmarcados nesta fórmula solidaria de negocio, comprometida coa súa contorna, coa que o Goberno galego mantén unha aposta decidida.

Un total de 232 persoas recibiron o ano pasado asesoramento e acompañamento para emprender a súa actividade no marco da economía social. O 60,3% foron mulleres, aspecto que consolida a tendencia nos últimos anos a favor dunha feminización das iniciativas da economía social a través das súas diferentes fórmulas (cooperativas, empresas de inserción, centros especiais de emprego, sociedades laborais...).

No eido da formación, a Xunta de Galicia, a través da Rede Eusumo, formou máis de 1.300 persoas que traballan nas entidades do sector para mellorar a súa competitividade. Impartíronse en 2022 en global 79 cursos en modalidade presencial e en liña sobre contabilidade, internacionalización, marketing dixital, comunicación, ferramentas dixitais innovadoras, etc. Cerca do 70% das alumnas foron mulleres.

A Rede Eusumo naceu hai dez anos con tres obxectivos: fomentar o espírito emprendedor a través da economía social; impulsar o modelo empresarial da economía social no ámbito local; e prestar apoio directo á creación e á consolidación de emprego con base nestas fórmulas de negocio.

Na actualidade, a rede está integrada por 95 entidades socias entre as que se atopan: asociacións de entidades de economía social; administracións públicas (concellos, mancomunidades, deputacións); cámaras de comercio, e organizacións profesionais, empresariais e sindicais; asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro; cooperativas galegas; asociacións de desenvolvemento rural e grupos de acción local; e universidades.

Acción divulgadora

A través deste instrumento trabállase na divulgación dos valores da economía social entre a poboación e para o emprendemento. No exercicio pasado celebráronse un total de 58 actividades nas que tomaron parte 1.115 participantes, unha vez máis cunha presenza feminina maioritaria.

Para chegar á poboación en xeral, a rede xera recursos e contidos didácticos, informativos e audiovisuais e ten unha ampla presenza nas redes sociais, nas que conta cunha comunidade de máis de 15.600 persoas seguidoras.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade fomenta a economía social a través de diversos apoios económicos, dirixidos fundamentalmente á posta en marcha, funcionamento e creación de emprego en cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción; así como á realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social levadas a cabo por entidades colaboradoras da Rede Eusumo.

O Goberno galego seguirá reforzando as políticas autonómicas neste ámbito e os orzamentos de Promoción do Emprego e Igualdade para 2023 incrementan nun 20,87% o investimento para seguir impulsando a economía social, ata chegar aos 42 millóns de euros. No que vai de lexislatura (desde 2020) o crecemento foi do 55,5 %.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2023