Galicia duplicará a súa capacidade para a hospitalización con ingreso de pacientes infantís e xuvenís de saúde mental coa construción dunha nova unidade no Álvaro Cunqueiro
O Goberno galego acaba de adxudicar, por 1,3 millóns de euros, o contrato dunha obra que estará rematada á volta do verán
A Xunta vai duplicar a capacidade da sanidade pública galega para dar resposta aos casos que necesiten hospitalización con ingreso para patoloxía psiquiátrica aguda grave nos pacientes máis novos, coa construción dunha nova unidade no Hospital Álvaro Cunqueiro. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ao hospital vigués para explicar as características da nova unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil de referencia para o sur de Galicia, acto no que estivo acompañado pola delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, e polo xerente da área, Javier Puente.
Segundo remarcou Comesaña, esta nova obra, que se instalará nunha superficie de 740 metros cadrados, ten un prazo de execución de catro meses e iniciarase en canto se formalice o contrato que a Xunta acaba de adxudicar por 1,3 millóns de euros, “co que á volta do verán estará duplicada a capacidade do Sergas para atender ingresos de saúde mental de mozos e mozas”, apuntou o titular de Sanidade.
A nova unidade contará cunha dotación inicial de 12 profesionais, dos que un efectivo será de psiquiatría, un de psicoloxía, tres de enfermería, un de traballo social e seis técnicos de coidados auxiliares de enfermería. Tal e como sinalou o conselleiro, parte deste conxunto de profesionais incorporaranse a través do concurso de méritos anunciado pola Xunta para prazas prioritarias.
A estes 12 profesionais haberá que engadir outros 8 da área, co que a unidade terá un total de 20 profesionais: 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 traballador social, 1 terapeuta ocupacional, 7 enfermeiras e 8 técnicos en coidados auxiliares de enfermería.
Máxima prioridade
Na súa intervención, Comesaña subliñou que a saúde mental dos nenos, nenas e adolescentes é hoxe un tema de máxima prioridade clínica, mediática e social, e así queda reflectido pola Xunta a través do Plan de Saúde Mental aprobado no 2020, no que se comprometía á creación de hospitais de día infanto xuvenís en todas as áreas sanitarias. “Un reto que estamos a cumprir poñendo en marcha, no último ano e medio, os de Vigo, Santiago, Ourense e Lugo e, neste ano, comezarán a funcionar os de Ferrol e Coruña, e no 2024 pecharemos o compromiso co inicio do de Pontevedra”, aseverou.