A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue presentou hoxe este actuación

A Xunta inicia a información pública do novo viario de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense desde a N-525

A actuación contará cun investimento que supera os 4,3 M€ de fondos propios da Xunta e reforzará a mobilidade e a conectividade co CHUO

O novo viario terá 640 metros de lonxitude, con dúas calzadas de dous carrís de subida e un de baixada, separadas por unha mediana de 2 metros; beirarrúas e zonas de aparcamento, e contará con dúas glorietas e conexións coa rede viaria municipal

O prazo de presentación de alegacións estará aberto ata o vindeiro 21 de setembro

Esta intervención  forma parte do compromiso da Xunta coa mellora da mobilidade en Ourense, que suma 17 M€ entre este novo acceso e a rolda Leste, ademais de arredor de 3 M€ en reforzos de firme na cidade

Ourense, 12 de agosto de 2026

A Xunta informou hoxe do inicio do trámite de información pública do proxecto do novo viario de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desde a estrada N-525. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, e polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou hoxe na cidade este proxecto.

O inicio deste trámite, recollido hoxe no Diario Oficial de Galicia, supón un novo paso para avanzar na execución dunha actuación que reforzará a mobilidade e a conectividade co complexo hospitalario. 

Segundo concretou  M. Allegue, trátase dun novo viario que conectara a N-525 co acceso ao CHUO, “con esa avenida do Regato e que, polo tanto, atravesará de modo transversal de oeste a este, e evitará esa circunvalación, eses rodeos, non só os veciños de Ourense, senón de todos os usuarios do complexo  hospitalario”. 

O Consello da Xunta deu luz verde a semana pasada á aprobación provisional do proxecto, que agora avanza coa exposición pública, incluída as expropiacións de 24 predios, co obxectivo de continuar coa súa tramitación administrativa. O prazo de presentación de alegacións estará aberto ata o vindeiro 21 de setembro.

O novo viario de acceso ao CHUO desde a estrada N-525 constitúe un compromiso do Executivo galego coa cidade de Ourense, a pesar de tratarse dun viario de carácter municipal, e suporá un investimento que supera os 4,3M€ de euros con fondos propios da Xunta. Esta contía, sumada aos 12,7 M€ da rolda Leste, cuxa licitación foi recentemente impulsada pola Xunta, representa un investimento conxunto de 17 M€ en novas infraestruturas viarias para a cidade. 

A estas actuacións engádese tamén o investimento de arredor de 3 M€ en reforzos de firme na cidade de Ourense.

O novo viario 

O novo viario permitirá mellorar os desprazamentos da veciñanza dos concellos da área sanitaria que acceden á cidade pola N-525, desde o sur. 

A actuación creará, ademais, unha nova conexión que favorecerá a mobilidade transversalmente desde a N-525, que conecta ao sur coa autovía A-52, e o CHUO.

O trazado terá unha lonxitude aproximada de 640 metros e discorrerá desde a estrada nacional ata a avenida do Regato, xa dentro da zona urbana.

A conselleira puxo o acento en con esta intervención acadarase un percorrido máis directo, favorecendo unha circulación tamén máis fluída e evitando os rodeos que actualmente deben realizar os usuarios para acceder ao complexo hospitalario.

O novo viario estará formado por dúas calzadas, con dous carrís de circulación de subida e un de baixada, separadas por unha mediana de 2 metros. O proxecto contempla tamén a execución de beirarrúas a ambos os dous lados e zonas de aparcamento ao longo do trazado. Ademais, para a conexión con distintas rúas do traxecto, habilitaranse dúas glorietas e interseccións con viarios municipais, entre eles o Camiño Romano, o Camiño das Laxas e a rúa Ramón Abelas.

Deste xeito, a intervención permitirá mellorar a accesibilidade ao CHUO e a mobilidade da súa contorna, beneficiando tanto á cidadanía de Ourense como ás persoas procedentes dos concellos da área sanitaria.

A conselleira enmarcar esta actuación, que facilitará o acceso dos ourensáns aos servizo da sanidade pública, no traballo que a Xunta está a desenvolver na cidade de Ourense para mellorar e o día a día da cidadanía.  Neste contexto, lembrou que esta mesma filosofía tamén está presente noutras actuacións impulsadas pola Xunta na cidade, como a senda de Reza, que contou cun investimento de 1,4 M€; a senda do Barbaña, cun investimento de 5,4 M€; ou a pasarela de Cudeiro, cun investimento de máis de 430.000 euros

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2026