60 persoas con discapacidade intelectual traballan con praza fixa no Servizo Galego de Saúde

No presente ano, o Sergas achegarase ao centenar de profesionais nesta categoría, coa incorporación doutras 39 prazas fixas

A recente convocatoria da Xunta, coa que dotará o seu departamento sanitario con 5.000 novas prazas, contará con outras 53 prazas reservadas a persoas con discapacidade intelectual -15 de celadores, 14 de TCAE, 14 de PSX e 10 de administrativos-

O conselleiro de Sanidade destaca o traballo colaborativo das fundacións Down coa Xunta, no esforzo compartido pola integración laboral deste colectivo

Ourense, 21 de marzo de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta tarde en Ourense no actos conmemorativos do Día Mundial da Síndrome de Down, no que puxo en valor a profesionalidade das 60 persoas con praza fixa que na actualidade desempeñan o seu labor no Servizo Galego de Saúde. 

Así, avanzou que durante o 2023, o Sergas achegarase ao centenar de persoas nesta categoría, coa incorporación doutras 39 prazas fixas. Ademais, lembrou que na recente convocatoria da Xunta, coa que se reforzará o departamento sanitario con 5.000 novas prazas, haberá outras 53 persoas reservadas para discapacidade intelectual. En concreto, 15 de celadores, 14 de TCAE, 14 de PSX e 10 de administrativo.

Durante o acto, no que tamén se conmemorou o 20º Aniversario da Asociación Down Ourense, e se fixo entrega do VIII Premios Down Galicia, Garcia Comesaña destacou o traballo diario que desenvolven as Fundacións en beneficio das persoas con síndrome de Down, remarcando os avances acadados na súa integración escolar, laboral e, sobre todo, social.

“Realizades un labor clave e crucial na construción dunha sociedade que atenda ás necesidades de todas as persoas”, gabou o conselleiro, ao tempo que avogou por continuar a colaborar co tecido asociativo para acadar unha maior integración e igualdade de oportunidades.

Entre as medidas colaborativas artelladas entre as Fundacións que atenden as persoas con Síndrome de Down e o Sergas, García Comesaña salientou os froitos acadados mediante a inclusión no Plan de Formación de Profesionais deste ano de actividades específicas (na que tamén participan as Asociacións de pacientes); ou o programa "Mellorar a atención de persoas con Síndrome de Down", que se desenvolve en colaboración coa Federación Down Galicia.

Así mesmo, puxo en valor o acordo acadado no ano 2017 entre a Consellería de Sanidade e a Fundación Down Galicia, co que se estendeu aos pacientes con Síndrome de Dowm a Tarxeta dobre A -acompañamento e accesibilidade-. Esta incorporación, permitiu mellorar o seu acceso ao sistema sanitario e tamén garantiu o seu acompañamento.

Comesaña pechou a súa intervención felicitando aos galardoados nos VIII Premios Down Galicia, así como a todas as persoas que co seu traballo contribúen a visibilizar e mellorar a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023