O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe nunhas xornadas sobre empregabilidade organizadas pola Facultade de Educación e Traballo Social
A Xunta salienta as novas oportunidades laborais que se abren para os profesionais dos servizos sociais e a educación no ámbito da protección a menores
Jacobo Rey remarcou a nova figura do acollemento familiar especializado, para familias nas que polo menos un dos seus membros conta cunha cualificación profesional, experiencia ou formación específicas
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou esta tarde as posibilidades laborais que se abren para os profesionais dos servizos sociais e a educación no ámbito da protección a nenos, nenas e adolescentes. Díxoo no marco dunhas xornadas sobre empregabilidade organizadas pola Facultade de Educación e Traballo Social.
O director xeral destacou que a profesionalización, cada máis máis acentuada nesta materia, permite mellorar a intervención cos menores. Neste sentido, convidou aos estudantes a que exploren e perfeccionen a súa formación nesta área e se incorporen ao sistema para contribuír de maneira activa no benestar duns nenos e adolescentes que pola súa idade e circunstancias son especialmente vulnerables.
Jacobo Rey explicou o traballo que realizan os equipos técnicos de protección do menor da Xunta de Galicia, encargados da valoración e intervención en casos de desamparo e risco grave. Estes equipos están formados por psicólogos, pedagogos, educadores e traballadores sociais, e a eles lles corresponde propoñer as medidas de protección e recursos necesarios para garantir o benestar dos nenos.
Programas e recursos
Ademais, apuntou que os recursos cos que conta o sistema de protección e que poden constituír unha saída profesional agrúpanse en programas de apoio, acollemento residencial e acollemento familiar. Deste último grupo, salientou a nova figura do acollemento familiar especializado, dirixido a familias nas que polo menos un dos seus membros conta cunha cualificación profesional, experiencia ou formación específicas para o coidado do menor.