A Xunta adxudica por preto de 700.000 € o contrato para a sinalización e a divulgación das áreas con risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa

Os traballos, que terán un prazo de desenvolvemento de 12 meses, reforzarán a concienciación sobre o risco de asolagamentos, incrementando o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos e a influencia das accións dos cidadáns

Afondarase no fenómeno das inundacións e nas medidas para minimizar os seus danos grazas ao Plan de Xestión de Risco de Inundacións impulsado desde Augas de Galicia

O contrato inclúe a instalación de paneis informativos en cada zona con risco de asolagamento

Tamén se levarán a cabo accións de formación para escolares das zonas con risco potencial significativo de inundacións, impartíndose obradoiros e desenvolvendo material didáctico específico para este fin
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar por 699.466 euros o servizo para a sinalización das áreas con risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e para a súa divulgación.

As actuacións, adxudicadas á empresa UTE Quattro Industria Destiladora de Creatividad Publicitaria & ITH Planning and Design, S.L., contarán cun prazo de execución de 12 meses.

O obxectivo deste contrato é reforzar a concienciación sobre o risco de asolagamentos nesta demarcación e, dun xeito específico, naquelas áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSIS), que presentan un maior risco e perigosidade.

Trátase de incrementar o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos e a influencia das accións dos cidadáns.

No marco dos traballos adxudicados hoxe afondarase nos fenómenos das inundacións e as medidas para minimizar os seus danos grazas ao Plan de Xestión de Risco de Inundacións impulsado pola Xunta.

Para isto, levarase a cabo unha campaña específica de sinalización destes puntos e tamén iniciativas de sensibilización dirixidas ao conxunto da cidadanía.

Neste sentido, instalaranse paneis informativos e divulgativos en cada zona inundable, sendo especificamente deseñados para cada área. Ademais, o contrato prevé unha campaña a través de redes sociais e páxinas webs, utilizando diversos recursos audiovisuais e infográficos.

Tamén se levarán a cabo accións de formación para escolares destas zonas con risco de inundacións. Así, impartiranse obradoiros en colexios e desenvolverase material didáctico específico para este fin.

Estas actuacións contará co cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Data de actualización: 24/03/2023