Lorenzana pon en valor en Ourense as axudas da Xunta aos autónomos e emprendedores que suman este ano máis de 78 millóns de euros

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o establecemento Lola Limón, beneficiario das axudas dos programas Xempre Autónomo e Xempre Emprendemento

Ourense, 25 de marzo de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, informou hoxe en Ourense sobre as axudas da Xunta de apoio aos profesionais autonómos e emprendedores que suman este ano máis de 78,3 millóns de euros (60 millóns destinados ao traballo autónomo e 18,3 millóns ao emprendemento). Nunha visita que realizou ao establecemento Lola Limón, beneficiario dos apoios dos programas Xempre Autónomo e Xempre Emprendemento, a conselleira sinalou que a Xunta está comprometida coas persoas traballadoras autónomas e emprendedoras para facer de Galicia unha terra de oportunidades.

Os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúen este ano un investimento de 60 millóns de euros distribuídos en diferentes programas como son, entre outros, Xempre Autónomo que, con 12 millóns de euros, apoia o inicio de actividade por conta propia; o Bono Autónomo que con 8 millóns de euros permitirá a consolidación e mellora da competitividade dos negocios; ou as axudas para a formación e contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador, que contan cun investimento de 1,3 millóns de euros. Lorenzana sinalou que estas tres liñas de apoios poden solicitarse aínda, ata o próximo 29 de setembro.

Ás iniciativas autonómicas dirixidas aos autónomos súmase o presuposto dirixido ao emprendemento, un total de 18,3 millóns de euros que inclúe, entre outros, as axudas de Xempre Emprendemento ou o impulso á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego coa que a Xunta está a ofrecer un asesoramento personalizado e permanente ás persoas emprendedoras, axudándoas desde principio a fin cos seus proxectos empresariais.

A Rede, que botou a andar en xullo de 2022, conta na actualidade con cinco polos en activo (un deles na provincia de Ourense, o de Verín) que dan cobertura a máis de 140 concellos, é dicir, o 45% da comunidade galega. En menos dun ano de funcionamento ofreceu un asesoramento permanente e especializado a máis de 220 persoas axudándoas a desenvolver 209 proxectos empresariais, dos que permanecen en activo 162. A conselleira puxo en valor que un 57% destas iniciativas empresariais son lideradas por mulleres.

Os novos proxectos que se están a desenvolver enmárcanse en sectores moi diferentes: a agricultura, a gandaría, a silvicultura e a pesca (17%); o comercio (16%), a hostalería (12%) ou as actividades científicas e técnicas (8%).  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2023