Xunta e Dirección Xeral de Tráfico colaborarán para a mellora da seguridade viaria e laboral de Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou un protocolo co organismo adscrito ao Ministerio do Interior para levar a cabo actuacións de información e sensibilización, entre outros

O Plan de actuación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para 2023 inclúe medidas para concienciar ás persoas traballadoras e empresas sobre a incidencia dos accidentes de tráfico laborais
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), e a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a través da Xefatura Central de Tráfico, colaborarán para a mellora da seguridade viaria e laboral de Galicia para reducir os accidentes de tráfico no ámbito do traballo. Para iso, a conselleira do departamento autonómico, María Jesús Lorenzana, asinou un protocolo co presidente do organismo autónomo Xefatura Central de Tráfico, Pere Navarro, co reto de xuntar esforzos cara unha maior sensibilización do tecido empresarial galego.

En Galicia considérase como acción estratéxica na política tanto de mobilidade como de seguridade e saúde laboral a necesidade da mellora nos desprazamentos relacionados co traballo, debendo incorporar a cultura das boas prácticas viarias nas empresas co fin de contemplar a seguridade nos desprazamentos como reto das políticas de prevención de riscos laborais. Así, este protocolo coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) considérase un instrumento adecuado para tal fin.

O Plan de actuación do Issga 2023 recolle xa actuacións dirixidas a concienciar e sensibilizar ás empresas e persoas traballadoras sobre a incidencia dos accidentes de tráfico laborais, especialmente sobre os accidentes ’en misión’, que se producen na xornada laboral, aínda que tamén sobre os sinistros ‘in itinere’, establecendo mecanismos de información axeitados e accións en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil de Tráfico.

O reforzo da coordinación de ambos organismos agora coa sinatura deste protocolo mellorará o coñecemento técnico para a elaboración de campañas e outras actuacións tanto no eido da prevención de riscos laborais como de mobilidade viaria e tráfico, facilitando a promoción de medidas que dean resposta a factores de risco motivados pola condución de vehículos e doutros riscos organizacionais que poidan incidir na accidentabilidade laboral.

E importante destacar que, sen prexuízo de dirixir estas actuacións a toda a poboación traballadora, existen colectivos de especial importancia pola actividade que realizan, como son os condutores profesionais e de reparto de mercadorías, debéndose, polo tanto, abordar, ademais dos riscos coñecidos, os riscos novos e emerxentes, con especial atención aos producidos por falta de atención, fatiga e estrés.

Entre as actuacións que se propón realizar no protocolo asinado entre Xunta e Dirección Xeral de Tráfico inclúese o intercambio de documentación científica e de publicacións relacionadas coa materia de seguridade e saúde laboral; planificación de seminarios, coloquios, congresos e simposios; colaboración na realización de campañas de información e sensibilización sobre seguridade viaria laboral;  desenvolvemento de proxectos de investigación de interese común; e asesoramento xeral en materia preventiva.

 

Data de actualización: 25/03/2023