O conselleiro do Medio Rural tratou con representantes de diversas entidades agrarias as principais cuestións que lles afectan na actualidade

A Xunta e o sector agrario instan ao Goberno central a simplificar o proceso de solicitude e tramitación das axudas da nova PAC

José González asegurou que a burocracia asociada á nova Política Agraria Común ou os novos requisitos medioambientais dificultan o acceso ás achegas por parte dos gandeiros e agricultores galegos

Tamén se uniron posturas sobre o sector lácteo, e tanto o Goberno galego como os representantes agrarios afirmaron estar vixiantes para que as industrias cumpran as súas obrigas e manteñan a estabilidade no prezo á hora de renovar os contratos

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo hoxe un encontro con representantes de diversas entidades agrarias para tratar cuestións de actualidade no sector. Así, aproveitaron para instar ao Goberno central a simplificar o proceso de solicitude e tramitación das axudas da nova Política Agraria Común (PAC), para garantir o acceso ás achegas por parte dos gandeiros e agricultores galegos, así como o futuro das nosas explotacións.  

Nesa liña, o conselleiro lembrou que a convocatoria deste ano, o primeiro do novo período da PAC 2023-2027, supón en Galicia un orzamento superior ao doutros exercicios -217 millóns de euros- pero as aplicacións que deben empregar os solicitantes para a tramitación telemática das achegas se desenvolveron conforme a unha normativa tan recente como complexa. A Xunta -apuntou- “tendeu a man” ao Goberno central para paliar a situación porque esas ferramentas non están a funcionar como deberan, o que “dificulta a entrada de datos”, segundo dixo.  

Así, José González urxiu á Administración central a simplificar a burocracia e a que novos requisitos como o caderno dixital se implanten de xeito máis progresivo, para evitar o prexuízo aos produtores. A mesma flexibilidade reclamou ao respecto dos novos requisitos medioambientais, os coñecidos como ecorreximes, “ante a dificultade para a súa implantación”.

O titular de Medio Rural engadiu que a Xunta sempre estará ao carón do sector primario e, neste caso, traballa da man das entidades colaboradoras para que as esixencias referidas incidan o mínimo posible no transcurso da campaña. Con todo, considera vital un paso á fronte do Goberno central para que non se entorpeza a tramitación dunhas axudas que son vitais -dixo- para os gandeiros e agricultores galegos e para o mantemento das nosas explotacións.  

Sector lácteo

A reunión tamén serviu para unir posturas sobre o lácteo e tanto a Xunta como os representantes agrarios afirmaron que estarán vixiantes á hora de que as industrias “cumpran con toda a normativa legal en canto á sinatura de contratos”, en palabras do conselleiro, mantendo a estabilidade de prezos. Así, José González lembrou que o prezo do leite roldou os 58 céntimos o pasado mes de xaneiro, tras encadear 19 meses de subas, e que se debe seguir nesa senda, tal e como se reclamou no seo do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia.

Nese contexto, o titular de Medio Rural lembrou que -no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo- a Xunta defende que se consolide unha relación equilibrada entre gandeiros, industria e distribución, para que o valor xerado se reparta de xeito harmónico ao longo de toda a cadea. Así, e para garantir que ningún produtor reciba polo seu produto menos do que lle custou producilo, impulsouse a ferramenta Contaláctea, para facilitar aos gandeiros o cálculo dos seus custos de produción e o reforzamento da súa posición negociadora dos prezos coa industria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2023