A Xunta participa na inauguración da segunda edición de Revera Vinum, onde pon en valor os viños e licores tradicionais de Galicia
O certame -que se celebra hoxe e mañá no hotel Monumento San Francisco- está promovido pola Asociación Hostalería de Galicia
A Consellería do Medio Rural participa a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, cun túnel do viño -no que participarán máis de 80 adegas cunhas 170 referencias- e catas comentadas orientadas a profesionais do sector
Ademais, levaranse a cabo outras actividades, entre elas a entrega dos Premios Gallaecia -en colaboración coa Asociación de Sumilleres Galegos- e a Distinción Revera Vinum
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto coa directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta mañá en Santiago na inauguración da segunda edición de Revera Vinum, que se desenvolverá entre hoxe e mañá no hotel monumento San Francisco.
Este certame -promovido pola Asociación Hostalería de Galicia- pon en valor os viños, augardentes e licores tradicionais galegos entre os profesionais do sector e demais interesados. Así, a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e coa colaboración dos consellos reguladores, participará en dous espazos deste certame. No túnel do viño, preténdese identificar o potencial vitivinícola galego e poñelo en valor ante os visitantes profesionais, facéndoos conscientes da súa importancia e do seu alcance. Ademais, neste espazo terán unha presenza destacada as marcas premiadas nas Catas de Galicia 2022.
Así, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participarán neste túnel do viño máis de 80 adegas das denominacións de orixe (DO) Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras e da indicación xeográfica protexida (IXP) Val do Miño-Ourense, presentando unhas 170 referencias, das cales 19 corresponden a marcas premiadas nas Catas de Galicia 2022.
Mentres, na sala Bodega levaranse a cabo catas comentadas de viños e augardentes e licores tradicionais de Galicia, harmonizadas con outros produtos con indicativo de calidade, orientadas a profesionais do sector, como comerciais, distribuidores e prescritores.
Actividades programadas
O Revera Vinum dará a coñecer máis de 400 referencias vitivinícolas e conta cun amplo programa de actividades, entre as que destacan catas históricas, obradoiros, degustacións, mesas de debate e relatorios con sumilleres, enólogos e xornalistas especializados. Tamén se levará a cabo a entrega dos Premios Gallaecia, en colaboración coa Asociación de Sumilleres Galegos, e a Distinción Revera Vinum para recoñecer o traballo das persoas que loitan por poñer en valor o viño galego.
Ademais hai dúas accións, o Galicia en Copas, no que participarán máis dunha vintena de establecementos hostaleiros, e as Catas e Ceas Maridaxe, ambas previstas do 17 ao 31 de marzo (inclusive), que funcionaron como antesala do propio evento complementándoo e promocionándoo na propia cidade de Santiago.
Este certame está organizado pola Asociación Hostelería Compostela, unha entidade que representa a preto de 600 establecementos do sector repartidos por Santiago e comarca.