O conselleiro Román Rodríguez reúnese cos responsables das seis facultade das tres universidades para afondar en vías de coordinación

A Xunta avanza aos decanos das facultades de Ciencias da Educación o novo modelo de competencias profesionais docentes

Acórdase crear dous grupos de traballo para desenvolver as novas propostas e mellorar a calidade da formación docente desde a formación inicial na universidade

Crearase unha rede de centros de ensino que colaboren coas facultades de Ciencias da Educación para crear sinerxías e intercambio de boas prácticas no eido formativo

Deseñaranse doutoramentos educativos orientados á práctica, a semellanza dos que xa existen no eido industrial

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse esta tarde cos decanos das facultades de Ciencias de Educación e de Formación do Profesorado de Galicia para avanzarlles o novo modelo de competencias profesionais docentes. Un marco para a formación permanente do profesorado que actualiza a proposta elaborada pola Xunta en 2015, adaptándoa á nova realidade educativa e social.

“O modelo vixente ata agora supuxo un éxito en tanto que contribuíu a acadar a excelencia do sistema educativo galego a través da mellora na capacitación do persoal docente, ademais de elevar os estándares de calidade do noso sistema educativo”, destacou Román Rodríguez no transcurso da xuntanza. “Volvemos adiantarnos, de tal forma que Galicia é unha das primeiras comunidades en revisar o modelo competencial, de acordo coas novas necesidades”, salientou.

O novo marco estará centrado en aspectos como a atención á diversidade, o fomento da igualdade, a calidade, a equidade, a educación emocional e social ou o desenvolvemento das competencias laborais: competencias laborais relevantes e axudar ao alumnado para prepararse para o futuro. Neste modelo competencial actualizado, o perfil do docente vén definido por aspectos como saber traballar nun contexto de cambio continuo ou ser bo comunicador.

 

Outras vías de colaboración

Igualmente abordáronse outras posibles vías de colaboración “orientadas a mellorar a calidade da formación do profesorado, tanto desde a formación inicial como desde a formación permanente, aliñándoas”.

 

Así mesmo, plantexouse a creación dunha rede de centros de Infantil e Primaria que colaboren de forma preferente coas facultades de Ciencias da Educación para crear sinerxías e intercambio de boas prácticas no eido formativo. “Tamén para establecer colaboracións no ámbito dos doutoramentos educativos, pensando no deseño dun sistema orientado á práctica, semellante ao que xa hai nos doutoramentos industriais”, indicou o conselleiro.

Na reunión acordouse crear dous grupos de traballo, un orientado ao aliñamento das competencias profesionais docentes coa formación inicial e outro para a creación da rede de centros colaboradores e para o deseño dos doutoramentos. “A idea é ter unha serie de esbozos a fin deste curso para poder implementalos no curso académico seguinte”, dixo Román Rodríguez.

Revisión dos plans de estudos

No transcurso da xuntanza tamén se afondou no proceso aberto polo Ministerio de Universidades para revisar os plans de estudos de Ciencias da Educación, cunha proposta que espertou fortes críticas da Conferencia de Decanos de Educación e outras asociacións profesionais.

 

A este respecto, o conselleiro expuxo que a Xunta de Galicia defende a calidade e a cultura do esforzo, apostando por un proceso de renovación ordenada, que inclúa tanto a modificación do marco de competencias profesionais docentes como a actualización das ordes que regulan a formación nas facultades.

Participantes

Na reunión participaron o decano da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UDC), Manuel Peralbo; a decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María del Mar Lorenzo; a decana da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (USC), Carmen Sarceda; o vicedecano da Facultade Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo (UVigo) en Pontevedra, Uxío Pérez; a delegada da Escola Universitaria do Profesorado de EXB da UVigo, Margarita Rosa Pino, e o decano la Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense (UVigo), Xosé Manuel Cid.

 

Tamén tomaron parte o presidente da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación, Miguel Ángel Santos; a directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC; Ana María Porto; o director do Centro de Innovación Educativa e Dixital da Xunta, Ángel Rodríguez, e a directora do Centro Autonómico de Formación e Innovación, Eva López.

Data de actualización: 27/03/2023