A Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde celebra o seu primeiro pleno co foco posto na conexión coa meseta
A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou esta mañá nesta reunión na que se constituíron comités executivos que se encargarán de avanzar nos distintos retos: proxectos e infraestruturas, formación e innovación, normativa ou capacidades industriais
No pleno avaliouse a incorporación de novos integrantes á Alianza, como é o caso de Ence, que se sumou recentemente, permitindo contar xa con 10 empresas tractoras, 10 clústeres e asociacións empresariais -que representan a máis de 700 compañías-, as tres universades galegas, así como axentes e administracións públicas.
Ante a amplitude de integrantes e, coa previsión de seguir incorporando máis -como o caso de Enagás-, a Alianza acordou aprobar un modelo de cogobernanza no que se inclúen varios comités executivos que se encargarán de traballar e avanzar nos seus diferentes obxectivos e retos en eidos como os dos proxectos e infraestruturas, a formación e a innovación, a normativa ou as capacidades industriais.
A secretaria xeral destacou que esta estratexia de colaboración público-privada ten como finalidade facer de Galicia unha rexión de referencia internacional no desenvolvemento da cadea de valor do hidróxeno renovable.