O presidente do Goberno galego coñeceu o proxecto dunha nova nave para o viveiro de empresas no Parque Empresarial da Rasela
A Xunta apoia a implantación e consolidación de empresas co impulso de viveiros industriais
Baleira (Lugo), 29 de marzo de 2023
A Xunta apoia a implantación e consolidación de empresas co impulso de viveiros industriais. O titular do Goberno galego coñeceu hoxe no Parque Empresarial da Rasela, no concello de Baleira, o proxecto dunha nova nave para viveiro de empresas.
A orde de viveiros industriais de empresas nace para promover a creación de espazos físicos para novas empresas de carácter industrial nos que se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación de empresas nun tempo limitado. Os viveiros industriais, de feito, son un apoio moi importante para os novos empresarios nas súas primeiras etapas de actividade, e contribúen ao éxito final dos proxectos. Entre os anos 2016 e 2022, a Xunta investiu máis de 7 millóns de euros na creación de viveiros de empresas.
No caso do futuro viveiro industrial no Parque Empresarial da Rasela, a axuda concedida polo Goberno galego foi de 240.000 euros, o 80 % do investimento. Nunha superficie total de 601,7 metros cadrados, a nave contará con espazo para oficinas, zona comunitaria e locais tipo box.