Activo un incendio forestal rexistrado no concello lugués de Taboada, parroquia de Xián

Segundo as primeiras estimacións, o lume afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas

O lume de Baleira, parroquia de Cubilledo, permanece activo arestora con máis de 120 hectáreas de superficie afectada

Neste lume de Baleira está activada a Situación 2 como medida preventiva dada a proximidade do lume ao núcleo de Fórneas

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal activo arestora no concello lugués de Taboada, parroquia de Xián.

 

O lume iniciouse ás 13,44 h. desta tarde e segundo as primeiras estimacións afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para o seu control 5 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas, 3 avións e 3 helicópteros.

 

Permanece tamén activo o lume rexistrado en Baleira, parroquia de Cubilledo, onde se decretou a Situación 2 como medida preventiva dada a proximidade do lume ao núcleo de Fórneas. Este incendio iniciouse ás 17,04 h. de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 120 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 3 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 2 avións e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 29/03/2023