A Xunta avoga polo traballo conxunto e a busca de espazos de encontro para aproveitar as oportunidades da transición ecolóxica e dixital

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron esta mañá no encontro ‘Novos retos para a negociación colectiva’, organizado en Santiago de Compostela por UGT FICA Galicia
 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron esta mañá no encontro Novos retos para a negociación colectiva, organizado en Santiago de Compostela por UGT FICA Galicia.

Na súa intervención, a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, apelou ao traballo conxunto e á busca de espazos de encontro entre interlocutores sociais e económicos, tecido empresarial e administracións para aproveitar as oportunidades que a dobre transición ecolóxica e dixital pode ter para toda a cadea de valor da industria galega.

Uría explicou o compromiso da Xunta coa competitividade, modernización e transformación dos sectores estratéxicos, así como co impulso de novos sectores emerxentes. Sumado á captación de investimentos a través de fondos europeos Next Generation, e os avances en dixitalización, innovación e sustentabilidade posibilitarán un modelo industrial e empresarial que xere riqueza e postos de traballo.

Pola súa parte, a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, fixo un chamamento aos axentes sociais “a innovar e modernizar as relacións laborais” para que cheguen a acordos que permitan garantir o teletraballo en condicións de seguridade ou a desconexión dixital. “Non debemos esquecer que a conexión permanente pode supoñer un risco psicosocial que afecta a todo tipo de persoas traballadoras”, lembrou.

Na mesa redonda Saúde laboral e medio ambiente na que interveu Mancha, puxo en valor o papel de liderado que Galicia asumiu, xunto con Cantabria, no deseño da nova estratexia española de seguridade e saúde laboral, aprobada hai un mes co acordo unánime de axentes sociais e de todas as comunidades autónomas, que abre camiño ao deseño da estratexia galega na que xa está a traballar a Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023