A Xunta remata a reconstrución das instalacións de abastecemento afectadas polos lumes en seis núcleos de Folgoso do Courel

Augas de Galicia fixo entrega destas infraestruturas hidráulicas, que supuxeron un investimento de 200.000 euros, á Administración local
 

Recuperáronse as instalacións de abastecemento dos núcleos de Folgoso, Mazo de Santigoso, A Campa, Vilar, Vidallón e Vilamor
 

Rehabilitáronse as captacións, instaláronse depósitos prefabricados e repuxéronse conducións e arquetas, ademais de habilitar varias bocas de incendio
 

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras hidráulicas destinadas a recuperar varias instalacións de abastecemento afectadas polos incendios en seis núcleos do concello de Folgoso do Courel.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de entregarlle as infraestruturas hidráulicas á Administración local.
 
A intervención, que contou cun investimento de 200.000 euros, permitiu a rehabilitación dos sistemas de abastecemento aos núcleos de Folgoso, Mazo de Santigoso, A Campa, Vilar, Vidallón e Vilamor.
 
Tamén se levou a cabo a reposición e execución das bocas de incendio precisas para dispoñer de elementos de apoio na extinción de lumes.
 
As obras incluíron, así mesmo, a recuperación das captacións afectadas, a instalación de depósitos prefabricados e a reposición de conducións e arquetas, así como a instalación de varias bocas de incendio.

Data de actualización: 04/04/2023