A Xunta reúnese cos veciños implicados na nova parcelaria de Herbón, no concello de Padrón

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural desprazouse á localidade coruñesa para manter un encontro informativo

Este proceso abrangue 352 hectáreas distribuídas en 4.948 parcelas de 997 propietarios dos lugares de Morono, Cortiñas, Confurco, Rocha, Barca e Condes

Padrón (A Coruña), 4 de abril de 2023 A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión con veciños da parroquia de Herbón para informalos sobre a nova concentración parcelaria decretada nesta parroquia do concello coruñés de Padrón, concretamente nos lugares de Morono, Cortiñas, Confurco, Rocha, Barca e Condes. Así, a directora xeral -que estivo acompañada polo alcalde, Antonio Fernández- sinalou que este proceso permitirá reorganizar a estrutura territorial de 352 hectáreas de superficie, formadas por 4.948 parcelas de 997 titulares.

Neste senso, Inés Santé sinalou que as parcelarias permiten darlle máis valor ás terras, á vez que conseguen aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Cabe apuntar que esta zona concreta está caracterizada polo cultivo amparado baixo a denominación de orixe protexida (DOP) Pemento de Herbón. Así mesmo, esta parroquia está incluída na denominación de orixe (DO) Rías Baixas, concretamente na subzona Ribeira do Ulla.

Segundo sinalou a directora xeral, as parcelarias estanse a impulsar en paralelo ás ferramentas que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Trátase duns mecanismos de mobilización voluntarios que permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2023