A Xunta convoca os certames Consumópolis e Galicons-Net para fomentar o consumo responsable a través da innovación educativa

O alumnado que participe en Consumópolis, que este ano se centra no uso das novas tecnoloxías, poderá optar a tres galardóns de 1000, 600 e 300 euros por cada categoría e os equipos gañadores representarán a Galicia na fase estatal

Para os mellores proxectos de Galicons-net, que poderán escoller como temática consumo e xénero, linguaxe publicitaria, comercio electrónico ou servizos financeiros, concederanse catro premios de 1500 euros
 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2023

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades acaban de convocar as bases para participar nos concursos de Consumópolis e Galicons-Net, cos que se busca fomentar o consumo responsable a través da innovación nos centros educativos de Galicia.

Dunha banda, Consumópolis é un concurso escolar sobre consumo responsable e calidade de vida que este ano acada a súa 18ª edición co lema Na internet, cres todo o que ves?, centrándose na necesidade de facer un uso responsable das novas tecnoloxías. O certame consta de dúas fases: na primeira, os equipos participantes, formados por cinco estudantes, teñen que superar distintas probas na plataforma virtual de Consumópolis; na segunda fase os equipos terán que realizar un vídeo co lema da edición. Deste xeito, preténdese que o alumnado reflexione sobre o que está permitido e non permitido na contorna de internet e que tome conciencia do uso responsable que se debe facer da rede.

Nesta iniciativa establécense tres categorías: a primeira para o alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria; a segunda para estudantes de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria; e a terceira dirixida ao 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria e formación profesional básica. Concederanse tres premios de 1000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías. Ademais, os primeiros clasificados de cada categoría representarán a Galicia na fase estatal do certame. Os centros terán ata o día 5 de maio para realizar os traballos e presentar a súa solicitude de participación.

Pola súa banda, os participantes en Galicons-net teñen que realizar un proxecto de innovación educativa sobre algunha das seguintes temáticas de consumo responsable:  consumo e xénero, linguaxe publicitaria, comercio electrónico ou servizos financeiros.

Na convocatoria dos premios para este ano establécense catro categorías de participación: para o alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria; estudantes de educación secundaria obrigatoria; bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas; e a cuarta categoría vai dirixida ao alumnado de educación especial.

O mellor proxecto en cada unha das modalidades recibirá un premio en metálico de 1500 euros. Neste caso, os centros participantes tamén poderán presentar os seus traballos ata o día 5 de maio. Ademais, o profesorado participante nos proxectos premiados recibirá por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades unha certificación de innovación educativa en horas de formación do profesorado.

Data de actualización: 08/04/2023