A Xunta abrirá o 28 de abril o prazo para que mozos menores de 36 anos poidan solicitar avais públicos para a compra da súa primeira vivenda

O programa está dotado dun orzamento global de 5 millóns de euros e o importe do aval poderá chegar ata o 20 % do prezo de adquisición do inmoble, que terá que utilizarse como residencia habitual e permanente do beneficiario

Os interesados deben acreditar uns ingresos anuais de entre 16.800 € e 46.200 € e se a compra a realiza máis dunha persoa o límite ascende ata os 54.600 €

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a primeira convocatoria do programa de avais públicos dirixido a mozos menores de 36 anos para facilitarlles a compra da súa primeira vivenda. O prazo para que os interesados poidan presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica abrirase o próximo 28 de abril e estenderase ata o 30 de novembro.

A convocatoria conta cun orzamento global de ata 5 millóns de euros e ten como obxectivo facilitar o acceso da mocidade galega ao seu primeiro fogar en propiedade a través da concesión de avais hipotecarios que poderán chegar ata o 20 % do prezo de adquisición do inmoble por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

A vivenda terá que estar localizada en Galicia e destinarse a residencia habitual e permanente do comprador polo menos durante o período de duración do aval. Neste sentido, no momento en que o propietario abone á entidade financeira a cantidade equivalente ao aval público recibido, este perderá a súa vixencia.

Será condición imprescindible que a hipoteca para a que se solicita o aval supoña entre o 80 % e o 100 % do importe de adquisición da vivenda. Así mesmo, as contías que abone o beneficiario deberán destinarse exclusivamente ao pagamento da débeda hipotecaria.

Ademais, o importe de adquisición do inmoble non poderá superar as seguintes contías: 240.000 euros nos concellos da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; 180.000 euros se se localiza nas cidades de Lugo e Ferrol ou en concellos de tamaño medio e carácter periurbano; e 130.000 euros no resto de municipios galegos.

Deste xeito e tendo en conta que o aval non pode exceder o 20 % do prezo de compra da vivenda, a contía máxima respaldada pola Xunta será de 48.000 euros para o primeiro grupo de concellos, de 36.000 euros para o segundo e de 26.000 euros para o terceiro.

En canto aos requisitos dos beneficiarios, estes deberán acreditar uns ingresos anuais de entre 16.800 euros e 46.200 euros. Se a compra do inmoble corre por conta de máis dunha persoa, o límite conxunto elevarase ata os 54.600 euros.

O programa nace co obxectivo de facilitar a adquisición da primeira vivenda aos menores de 36 anos, que en ocasións dispoñen de recursos suficientes para asumir a hipoteca pero carecen de aforros para dar unha entrada e que, grazas a este aval, poderán optar a unha hipoteca de ata o 100 % do importe de compra. Ademais, é compatible con todas as axudas que xestiona e convoca anualmente a Xunta co mesmo fin.