Emigración destina 1 M€ ás axudas ao retorno emprendedor, que facilitan ata 10.000 euros para poñer en marcha un proxecto empresarial
O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a apertura da nova convocatoria para este ano
Os interesados poden informarse tamén a través da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que existe en cada provincia
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria das axudas ao Retorno Emprendedor que contará cun orzamento dun millón de euros e permitirán contar cun apoio económico de ata 10.000 euros para poñer en marcha un proxecto empresarial (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230413/AnuncioC3B0-220323-0003_es.html).
Estas axudas destínanse aos galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, e teñen como obxectivo poder sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio.
O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá, venres 14, e remata o 29 de setembro.
As axudas serán de 6.000 euros, aumentable en 1.000 se a beneficiaria é muller, e outros 3.000 se a empresa se pon en marcha nun concello do rural. Deste xeito, unha persoa solicitante pode chegar ata os 10.000 euros de apoio para a posta en marcha do seu negocio, de maneira que poida fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así, ademais, o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.