Lorenzana aborda coa chef Lucía Freitas proxectos e liñas de colaboración no eido da igualdade laboral e de impulso do papel da muller no sector primario

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, recordou que a futura Lei galega de igualdade inclúe un capítulo dedicado ao Estatuto das mulleres rurais e do mar

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza coa chef galega Lucía Freitas, responsable de dous restaurantes na capital galega - A Tafona, cunha Estrella Michelín, e Lume- na que abordaron proxectos e liñas de colaboración no ámbito da igualdade laboral. Tamén trataron sobre a importancia de impulsar e fomentar o papel da muller nun sector clave na comunidade galega, o primario, centrádonse nas actividades vinculadas co rural e co mar.

A conselleira, neste senso, lembrou que a futura Lei galega de igualdade, que entrará proximamente para a súa tramitación no Parlamento de Galicia, incluirá un capítulo dedicado ao Estatuto das mulleres rurais e do mar co que se busca dar resposta á recomendación do Parlamento europeo aos estados membros de traballar para a implantación dun estatuto profesional que permita avanzar na igualdade de dereitos individuais entre as mulleres e os homes que se dedican á actividade agraria e do mar.

É preciso lembrar, ademais, que o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes recoñece a ruralidade como eixo transversal específico polo peso e importancia que ten o medio rural en Galicia. “O lugar de residencia non pode constituír, en ningún caso, un factor máis de discriminación e desigualdade a sumar á realidade das mulleres”, destacou a conselleira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023