O presidente da Xunta participou na entrega do XXX premio xornalístico Puro Cora ao académico Darío Villanueva

Rueda pon en valor os medios de comunicación galegos para fortalecer unha Galicia tolerante e democrática

Lugo, 19 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe o papel dos medios de comunicación galegos como “peza esencial” no fortalecemento dunha Galicia tolerante e democrática, durante o acto de entrega ao académico Darío Villanueva do XXX premio xornalístico Puro Cora do Grupo El Progreso. 

Neste senso, o mandatario galego vencellou o “sentido común e da tolerancia” que ten inspirado e guiado todas as facianas da traxectoria de Darío Villanueva mestre, escritor, reitor da Universidade compostelá e director da Real Academia Españolacos valores democráticos polos que ten apostado a prensa galega, “lonxe de dogmatismos” e coa idea capital de que “Galicia é como ese periódico plural no que conflúen lectores de diferente xeración, xénero e tendencia”. 

E nesta liña situou Rueda o Grupo El Progreso, do que salientou a “honradez” do seu xornalismo; a responsabilidade cos principios democráticos desde a súa creación hai 115 anos; e o apego da información ao territorio e aos seus habitantes. “Hoxe máis que nunca é necesaria unha prensa achegada ao tempo e ao espazo do que parte, que mida a proximidade como un dos seus principais criterios e informe sobre as historias máis inmediatas”, defendeu Rueda. 

O presidente da Xunta tamén atribuíu como característica do traballo xornalístico de El Progreso a defensa do poder da palabra como ferramenta de comunicación, un principio que considerou outro vínculo “común” co galardoado nesta edición co XXX Premio Puro Cora, de quen gabou a súa “brillantez” e “insaciable curiosidade” na investigación da lingua, da súa evolución e ameazas. 

“O noso gran desafío é que as palabras sexan un espazo común no que se poida acordar e tamén discrepar”, advertiu Rueda, quen por este motivo agradeceu a El Progreso e a Darío Villanueva ser ambos os dous “un exemplo constante de diálogo, desde a información e desde o estudo”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023