A Xunta salienta que a nova Estratexia de Especialización Intelixente é unha oportunidade para transformar Galicia a partir da I+D+i

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, informou esta mañá no Parlamento de Galicia sobre a nova folla de ruta que guiará a política de I+D+i de Galicia ata 2027

Esta planificación, que está previsto que mobilice 5000 millóns de euros de investimento público-privado, ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento económico de Galicia a partir do coñecemento e a innovación

Santiago, 28 de abril de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia para explicar a nova folla de ruta que guiará a política de I+D+i de Galicia ata 2027: a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. Esta estratexia, que foi presentada publicamente o pasado mes de marzo despois de ser aprobada polo Consello da Xunta (abril 2022) e pola Comisión Europea (decembro de 2022), aspira a impulsar a transformación territorial de Galicia en base á I+D+i, afrontando os retos globais desde as especificidades territoriais a través dunha planificación a longo prazo consensuada a través dun amplo proceso participativo que garanta un impacto real da I+D+i e o seu efecto transformador no tecido produtivo e na sociedade.

Argerey apuntou que a finalidade da Estratexia é impulsar o desenvolvemento económico de Galicia empregando a investigación e a innovación como panca tanto para mellorar a competitividade das empresas como para dar resposta ás necesidades das persoas e da sociedade.

Neste sentido, a RIS3 constitúe unha oportunidade para seguir afondando na especialización intelixente de Galicia, iniciada no ano 2014 coa primeira Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (2014-2020). Para iso, a Estratexia identifica os retos e prioridades nos que concentrar as capacidades, esforzos e investimentos en coordinación co tecido produtivo co obxectivo de crear vantaxes competitivas mediante o desenvolvemento das fortalezas de investigación e innovación. Isto é, identificar os ámbitos nos que Galicia é excelente para especializarse naqueles que poida ser competitiva a nivel estatal e internacional. 

Deste xeito, a RIS3 dá continuidade aos tres grandes retos establecidos na anterior estratexia (un modelo de xestión dos recursos naturais e culturais baseado na innovación; un modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento; e un modelo de vida saudable e o envellecemento activo da poboación) e integra dun xeito transversal tres prioridades aliñadas coas da Unión Europea: a sustentabilidade, a dixitalización e o enfoque cara ás persoas.

Argerey destacou tamén que este labor de identificación se levou a cabo a través dun amplo proceso participativo, que se manterá ao longo de toda a gobernanza da Estratexia, no que se involucraron máis de 800 representantes de 500 entidades, entre pemes, empresas tractoras, universidades, centros de coñecemento e tecnolóxicos, a Administración e a propia sociedade. Así mesmo, informou de que todos os departamentos da Xunta con actuacións en materia de I+D+i participaron tamén a través da Comisión Interdepartamental de I+D+i para coordinar os seus instrumentos e actividades.

En definitiva, Argerey concluiu que se trata dunha estratexia deseñada en conxunto cos axentes do sistema galego de I+D+i, adaptada ás esixencias do contexto actual e á vontade de que Galicia siga avanzando para situarse entre as rexións máis innovadoras. Para elo, céntrase nas persoas, apostando polo talento e prestando especial atención igualdade de oportunidades no ámbito da I+D+i, fortalece a excelencia da investigación e a transferencia de coñecemento como elementos vertebradores do ecosistema e posiciona a Galicia como un territorio atractivo a nivel internacional en materia de I+D+i.

Ademais, a directora da Axencia Galega de Innovación destacou que se trata dunha estratexia enfocada cara ás pemes, que constitúen máis do 99% do tecido empresarial de Galicia. En consecuencia, a nova RIS3 impulsa de forma especial o incremento no número de empresas innovadoras. En canto ao orzamento, estímase a mobilización de preto de 5000 millóns de euros de investimento público-privado, un 170% máis que no anterior periodo.

Misións, un novo instrumento con potencial transformador

Entre os instrumentos que se despregarán no marco da nova RIS3, a directora da Axencia Galega de Innovación salientou o das Misións, polo seu potencial para xerar impacto transformador na economía e na sociedade. Trátase dunha nova liña de apoio a grandes proxectos estratéxicos con capacidade tractora sobre o ecosistema de innovación, que permitirá orientar a investigación e a innovación cara á solución de problemas da industria e do territorio.

 

Estas misións, que serán seleccionadas polos propios axentes do ecosistema, teñen un enfoque de cadea de valor, isto é, que todos os sectores e etapas da I+D+i con implicación nos distintos elos da cadea de valor poderán contribuír a elas. As misións materializaranse en dúas convocatorias (en 2023 e 2025) a través das que se financiarán un número de entre 2-6 misións cun orzamento de 30 millóns de euros de fondos FEDER.

Data de actualización: 28/04/2023