A reedición do Plan autonómico Emprega Discapacidade e Exclusión Social conta este ano con máis de 44 M€ para impulsar contratos e formación

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe o programa de inserción laboral e economía social que, con cargo a fondos europeos, desenvolven en Galicia Secretariado Gitano, Cáritas, Cruz Vermella e Inserta Galicia

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na clausura do programa operativo de inserción laboral e economía social que desenvolven en Galicia Secretariado Gitano, Cáritas, Cruz Vermella e Inserta Galicia con apoio de fondos europeos. Aproveitou a súa presenza para referendar o compromiso que o Goberno galego mantén coas persoas con maiores dificultades no acceso laboral ás que a Xunta de Galicia, dixo Lorenzana, está a destinar este ano máis de 44,4 millóns de euros a través do Plan Emprega Discapacidade e Exclusión Social.

Tal e como remarcou a titular de Promoción do Emprego, a nova edición do Plan Emprega Discapacidade e Exclusión Social, está integrado no presente exercicio por 8 programas cos que se pretende fomentar a contratación e a formación de 6.000 persoas.

Segundo relatou a conselleira, un dos eixos das políticas autonómicas en materia de emprego é o de apoiar a contratación, o emprendemento, a intermediación laboral e a formación das persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo. “Unha cultura laboral inclusiva serve para reter o conxunto do talento e atraer diversos  talentos ás nosas empresas que permiten mellorar a innovación, a creatividade e a produtividade”, aseverou.

Lorenzana puxo en valor a colaboración entre o terceiro sector, o tecido empresarial e os poderes públicos que considerou “fundamental” para lograr un emprego inclusivo. Nesta liña felicitou ás entidades que desenvolveron o programa operativo de inclusión social e economía social, que hoxe se clausurou no hipermercado Eroski A Sionlla de Santiago de Compostela, co obxectivo cumprido de por en marcha accións específicas coas persoas máis vulnerables, impulsando un “elemento integrador” que propicie a cohesión económica, social e territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2023