O DOG publica hoxe a convocatoria dunha nova poxa pública electrónica de madeira que se celebrará proximamente en Lugo
En total serán 89 lotes de madeira por 4,5 millóns de euros os que sairán a poxa o vindeiro 21 de xuño
Cómpre destacar que 41 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e 14 máis con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial
A plataforma telemática enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Amtega están a desenvolver conxuntamente
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se convoca un alleamento de madeira na provincia de Lugo. A poxa, que se celebrará de forma electrónica na Xefatura Territorial da Consellería en Lugo, terá lugar o vindeiro 21 de xuño.
Nesta poxa, unha das máis importantes dos últimos anos, os lotes suman máis de 185.000 metros cúbicos de madeira de coníferas, das que o 83 % é piñeiro insigne, un 13 % piñeiro do país e o resto piñeiro silvestre; así como unha pequena partida de eucalipto. Ademais, cómpre aclarar que todos os lotes son de madeira verde e alléanse polo sistema de risco e ventura.
Compromiso da Xunta
Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.