A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo unha reunión co secretario xeral de AMBE, a Asociación de Marcas y Bicicletas de España

A Xunta publica hoxe unha nova convocatoria de axudas á compra de bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido para cadeiras de rodas, que poden solicitarse desde o 1 de xuño

Vázquez Mourelle explica que esta convocatoria, para os anos 2023 e 2024, ten un orzamento de 1,7 M€ para continuar co fomento da adquisición de bicicletas eléctricas

Adianta que a partir do 8 de maio, os establecementos interesados poderán solicitar a súa adhesión ao programa e os cidadáns poderán solicitar o seu bono desde as 10 horas do 1 de xuño e ata o 15 de novembro de 2024 ou ata esgotar os fondos

Subvencionarase tanto a compra de bicicletas de pedaleo asistido, como as de man híbridas ou eléctricas, mediante as que se dota unha cadeira de rodas de características análogas, en termos de mobilidade, aos dunha bicicleta eléctrica

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023

A Xunta publica hoxe unha nova convocatoria de axudas á compra de bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido para cadeiras de rodas que poden solicitarse desde o 1 de xuño.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo unha reunión co secretario xeral de AMBE, a Asociación de Marcas y Bicicletas de España, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa na promoción do uso da bicicleta como medio de transporte, lecer, turismo e deporte.

 

Vázquez Mourelle explicou que esta convocatoria bianual, para os anos 2023 e 2024, conta cun orzamento de 1,7 M€ para continuar co impulso e fomento da adquisición de bicicletas eléctricas.

 

Tras a aprobación da iniciativa onte no Consello da Xunta, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta nova orde de axudas ampliando, ademais, o obxecto da convocatoria para facilitar a adaptación das cadeiras de rodas de persoas con mobilidade reducida.

 

Ethel Vázquez explicou que a partir do 8 de maio os establecementos comerciais interesados en colaborar con este programa poderán solicitar a súa adhesión. Tras isto, o prazo para que o conxunto da poboación poida solicitar o seu bono comezará ás 10 horas do 1 de xuño e finalizará o 15 de novembro de 2024 ou ata esgotar os fondos.

 

Nesta ocasión, o concepto de bicicleta eléctrica que se subvenciona engloba tanto a compra de bicicletas de pedaleo asistido como para as de man híbridas ou eléctricas, mediante os que se dota unha cadeira de rodas de características análogas, en termos de mobilidade, aos dunha bicicleta eléctrica.

 

Neste caso, a axuda será similar que para os integrantes de familias numerosas con categoría especial, é dicir, dun 70 % do custe ata un máximo de 700 €.

 

Con carácter xeral, a Xunta achega ata o 50 % do prezo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 €; no caso das familias numerosas, os incentivos cobren o 60 %, cunha achega tope de 600 €; e, de ser familia numerosa con categoría especial, e tamén no caso das bicicletas de man híbridas ou eléctricas, como se ten dito, as axudas acadan o 70 % do custo, elevándose ata un máximo de 700 €.

 

Esta iniciativa enmárcase no programa Ebici, para fomentar o uso e facilitar a compra de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido, co obxectivo de promover desprazamentos máis sustentables e saudables.

 

A Xunta xa lanzou dúas convocatorias en xullo e setembro do ano 2022 cun investimento total de 1 M€, que tiveron moi boa acollida dando resposta a unha gran demanda destes incentivos por parte dos cidadáns de toda Galicia.

 

As subvencións tramitáronse grazas á colaboración de establecementos comerciais que se teñen que adherir ao programa da Xunta como entidades colaboradoras na xestión destas axudas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023