A Xunta seguirá a colaborar co Colexio de Psicoloxía de Galicia na atención especializada ás vítimas da violencia de xénero e ao seu entorno familiar

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade referenda o seu convenio coa entidade por máis de 337.000 euros para prestar apoio a unhas 1.000 mulleres, menores e homes con problemas de control das súas condutas violentas

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2023

A Xunta de Galicia seguirá a colaborar  co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para a atención especializada e gratuíta ás vítimas da violencia de xénero este ano. A Administración autonómica achegará 337.039 euros a esta entidade, para manter a asistencia a mulleres e menores vítimas, a integrantes do seu entorno familiar e a homes con problemas de control das súas actitudes violentas.

A través desta iniciativa o Goberno galego quere apoiar a recuperación das vítimas mediante o apoio psicolóxico especializado e gratuíto e seguir a prestar servizos de protección e asistencia integral fronte á violencia de xénero, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

A Xunta pon así a dispor das persoas que viven (ou viviron) situacións de violencia de xénero, unha rede de profesionais da psicoloxía especializados nesta atención, co obxecto de axudarlles no seu proceso de recuperación. Este acompañamento esténdese das mulleres e menores que padecen esta lacra, como a outras persoas da contorna familiar que se poden ver afectadas pola situación.

Tamén se prevé o apoio psicolóxico aos homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar para que teñan recursos para resolver os conflitos sen recorrer á violencia, mediante o programa denominado Abramos o Círculo.

O convenio prevé ademais a cobertura da asistencia domiciliaria urxente en caso de morte ou agresións especialmente graves por violencia de xénero en coordinación cos Grupos de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), así como a colaboración co Centro autonómico de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de Xénero (CRI) situado en Santiago de Compostela, no apoio terapéutico e psicolóxico das súas usuarias.

Todos estas apoios préstanse coa garantía de acceso ao servizo de persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala.

Cos 337.039 euros do convenio, a Xunta de Galicia estima poder chegar en 2023 máis de 1.000 persoas.

Con medidas como esta, a Xunta tenta mellorar a resposta que desde as institucións se proporciona ás vítimas da violencia de xénero, coa finalidade de ofertarlles recursos terapéuticos que lles axuden a afrontar a situación e reforcen a súa autoestima. A atención psicolóxica, neste sentido, resulta fundamental para a recuperación e adquisición de habilidades que lles permitan a estas persoas lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral e rachar coa situación de violencia.

Data de actualización: 06/05/2023