A Xunta apoiará a XIII edición do Congreso de Prevención de Riscos Laborais en Iberoamérica que se celebrará en xuño en Santiago de Compostela

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza coa secretaria xeral da Organización Iberoamericana da Seguridade Social (OISS) e ex ministra de Traballo e Seguridade Social de Colombia, Gina Magnolia Riaño

O evento busca o intercambio de experiencias e coñecemento para avaliar a situación actual da seguride e saúde no traballo ante as novas formas no eido laboral que están a xurdir e os avances tencolóxicos
 

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2023

Santiago de Compostela acollerá o próximo mes de xuño a celebración da XIII edición do Congreso de Prevención de Riscos Laborais en Iberoamérica (Prevencia 2023), que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid). A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza coa secreteria xeral da Organización Iberoamericana da Seguridade Social (OISS) e ex ministra de Traballo e Seguridade Social de Colombia, Gina Magnolia Riaño, unha reunión na que a representante autonómica coñeceu de primeira man os detalles do congerso.

A OISS é a entidade que organiza este evento co que se propicia o intercambio de experiencias e coñecementos para avaliar a situación actual da seguridade e saúde no eido laboral ante as novas formas de traballo que están a xurdir e os avances tecnolóxicos que están a transformar o mercado de traballo. O obxectivo da actuación que apoia a Administración autonómica é mellorar os niveis de prevención de riscos laborais das persoas traballadoras.

A Organización Iberoamericana de Seguridade Social (OISS) é un organismo internacional, de carácter técnico e especializado, e ten como finalidade promover o benestar económico e social dos países iberoamericanos mediante a coordinación, intercambio e aproveitamento das súas experiencias no eido da protección social das persoas traballadoras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2023